ARRINCA A XII EDICIÓN DOS PREMIOS DO AUDIOVISUAL GALEGO MESTRE MATEO

4 / 11 / 2013

A Academia Galega do Audiovisual convoca a XII edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo”. Ata o 29 de novembro estará aberto o prazo de presentación de traballos para as 23 categorías recollidas nas bases da duodécima edición.

Poden aspirar a estes galardóns as longametraxes –de imaxe real, de animación e para televisión-, documentais, series –para televisión e webs-, programa de televisión, curtametraxe –de imaxe real e de animación-, anuncio publicitario e videoclips así como os profesionais nas categorías de interpretación (masculina e feminina protagonista e de reparto), comunicador/a de televisión, dirección, guión, dirección de fotografía, dirección de arte, montaxe, realización, música orixinal, son, vestiario, maquillaxe e perruquería e dirección de produción, que participen nestas producións –agás nas curtametraxes, series webs, anuncios e videoclips- e que cumpran os requisitos das categorías específicas.

Ademais dos premios nas 23 categorías citadas, poderanse entregar, como en anteriores edicións, premios honoríficos, que serán decididos pola Xunta Directiva da Academia, tanto na súa designación como na súa denominación.

Segundo sinalan as condicións de admisión, as obras audiovisuais que se presenten deberán estar estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2013, e cumprir unha serie de requisitos que contemplan as bases.

As candidaturas dos Premios Mestre Mateo poderán ser presentadas por persoas físicas ou xurídicas con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico con dereito a voto.

A continuación tedes as bases, o calendario así como as fichas de inscrición para as diversas categorías. Para calquera dúbida ou cuestión, podedes poñervos en contacto coa oficina da Academia a través dos teléfonos 981 208 393 e 981 227 701 e no e-mail premios@academiagalegadoaudiovisual.gal

Etiquetas: