ARRINCA O I FESTIVAL PRIMAVERA DO CINE DE VIGO

29 / 05 / 2012

O eixo principal do I Festival Primavera do Cine de Vigo é a súa sección oficial, para a que foron seleccionados 46 traballos de produción galega, entre os 130 recibidos durante a convocatoria.

Na lista figuran 7 longametraxes, tanto de ficción como documentais: Doentes, de Gustavo Balza (que abrirá o festival o 30 de maio, durante unha gala animada polo grupo de teatro Triatreros), Matisse se escribe con dos eses, de Alberto Lobelle, Silenciadas, de Pablo Ces, Banaras me, de David Varela, Relatos, de Mario Iglesias, A mirada de Anna, de Llorenç Soler e Jorge Algora, e Vivir a destiempo, de Rita Romero. Tamén concursarán 15 curtas: 33, La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, A.G.N., Estación Decembro, Robin&Robin, Adivina quién viene a comer mañana, O bufón e a infanta, Dream, Birdboy, Conversa cunha muller morta, O prezo da dote, ¿De qué se ríen las hienas?, Un paseo polo Tea, Camiño da memoria e Dúas letras. A selección complétase con 24 videoclips: Dead Bodies, Under the Drizzle, Lo malo está en el aire, Julieta de solos, The Man Who Lived in Death, Recuerdos olvidados, Junto a mí, Non quero volver a ver a televisión, Rockabilly Baby, Sed, Sigue ardiendo, Control do mal, Pel de Galiza, Foliada de San Tirso, Entre Pekín y Perú, Corre, Doppelgänger, Esta a miña comida lista, The Devil is on the Roof, Le bal des vampires, Tu jardín privado, Dous en Melgaço, Vendrás detrás e Tiempos de baile. As proxeccións das longas e curtas a concurso terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo do mércores 30 de maio ao venres 1 de xuño, en sesións de tarde e noite. As curtas tamén se poderán ver o primeiro día no Salón de Actos do MARCO, ás 17:30 horas. En canto aos videoclips, ofreceranse os tres primeiros días pola noite, a partir das 23:00 horas, na sala La Fiesta de los Maniquíes, e irán seguidos de festas. Tras algúns pases celebraranse encontros cos directores, produtores ou actores das obras exhibidas.

O sábado 2 de xuño celebrarase a gala de entrega de premios no Auditorio, tamén animada por Triatreros, que irá precedida dunha proxección sorpresa. Os galardóns nas distintas categorías outorgaraos un xurado popular, e serán unhas estatuíñas deseñadas polos alumnos de cerámica da Escola de Artes e Oficios. Como colofón haberá unha festa-concerto con artistas invitados, ás 22:30 horas, no local Mondo Club. O prezo das entradas será de 2 euros para as proxeccións, 3 euros para as galas, e 4 euros para a festa-concerto de peche. No marco do festival, realizaranse dúas actividades complementarias. Dun lado, os días 29 e 30 de maio terán lugar as V Xornadas de Audiovisual Galego, organizadas polo IES Audiovisual de Vigo (EAV) no seu Auditorio, baixo o título “Producir en tempos revoltos”, nas que unha vintena de profesionais do sector, así como colectivos culturais alternativos, falarán, en diferentes conferencias e mesas redondas, sobre os modelos tradicionais de produción audiovisual, e plantexarán alternativas para facer fronte aos recortes económicos que sofre o sector. Tamén haberá master classes sobre caracterización, efectos especiais e a gravación dixital coa cámara Canon EOS 5D Mark II. Por último, esta primeira edición do Festival Primavera do Cine de Vigo homenaxeará ao proxeccionista Manuel Estévez.

Categoría: Novas
Etiquetas: