O APÓSTOLO, MELLOR FILME NO FESTIVAL DE MARSELLA

19 / 11 / 2012

A película de animación “O Apóstolo”, a primeira en Europa realizada en animación stop motion estereoscópica, obtivo o primeiro premio na undécima edición do Festival de Cine Español de Marsella, que na noite do sábado celebrou a súa cerimonia de entrega de premios na cidade francesa.

A cinta dirixida por Fernando Cortizo arrincou a súa andaina internacional no Festival Internacional de Cine de Moscova o pasado mes de xuño, sendo a primeira vez que este festival seleccionaba unha película de animación na sección oficial a competición.

Ademais, “O Apóstolo” tamén acaba de recibir o primeiro premio no Festival Expotoon de Bos Aires, o máis importante de Latinoamérica. Estes galardóns avalan a calidade e o talento dunha película que conta con actores como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Carlos Branco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Pedro Alonso e Xosé Manuel Olveira “Pico”, que lle dan voz, apariencia e xestualidade aos bonecos de plastilina que protagonizan o filme.

Categoría: Novas
Etiquetas: