ANXO LORENZO, NOVO SECRETARIO XERAL DE CULTURA DA XUNTA DE GALICIA

5 / 01 / 2012

Anxo Lorenzo foi nomeado onte Secretario Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no marco dunha remodelación gobernamental na Comunidade Autónoma. 

Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, deu a coñecer o pasado 3 de xaneiro, a remodelación do seu equipo de goberno de cara á recta final da súa lexislatura. No novo organigrama desaparece a consellería de Cultura e Turismo que comandaba Roberto Varela, que repartirá as súas competencias entre outros departamentos. A área de Cultura integrarase con Educación, creándose deste modo a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que mantén a súa fronte a Jesús Vázquez. As competencias de turismo pasan a ser asumidas directamente polo presidente da Xunta. Onte nunha reunión do consello da Xunta, aprobouse un decreto coa estructura orgánica das consellerías. A de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria constará de seis órganos superiores e de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Secretaría Xeral de Cultura (da que dependerá a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural), a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Universidades, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Adscritas a este departamento da Xunta estarán a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional. Tamén se realizaron diversos nomeamentos relacionados coa nova estrutura do Goberno galego. Na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén convértese no novo Secretario Xeral Técnico, cargo que xa ocupaba na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dende maio de 2010. Pola súa parte, Anxo Lorenzo é o novo Secretario Xeral de Cultura de dito Departamento. Dende 2009, este vigués doutor en Filoloxía pola UAB viña exercendo como Secretario Xeral de Política Lingüística na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: