Arrugas (España, 2011), a película dirixida por Ignacio Ferreras, poderá engadir un premio máis ao seu dilatado palmarés durante o 18 Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF). A Federación de Libreiros de Galicia, que convoca anualmente os premios Irmandade do Libro, pretende recoñecer o esforzo realizado a prol do libro e da lectura por persoas, coletivos, entidades e institucións en Galicia, tanto públicas como privadas. Este ano convócase por primeira vez o premio Mellor Guión Adaptado, co que se queren premiar as mellores adaptacións literarias de filmes galegos basados en publicacións. Nesta edición, a Federación de Libreiros de Galicia acordou outorgarlle o premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado a Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963) pola adaptación do guión no filme Arrugas, do que é autor xunto con Paco Roca, Ignacio Ferreras e Rosanna Cecchini. O premio, que consiste nunha figura de bronce deseñada por Ismael López, entregarase no transcurso do 18 Festival de Cine Internacional de Ourense.