Allariz recibe a distinción de Lugar de Interese Cinematográfico

1 / 10 / 2024

Ourense, 1 de outubro de 2024 | Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron esta tarde os lugares seleccionados este ano coa distinción Lugares de Interese Cinematográfico – LIC, entre os que figura a vila de Allariz, que se converte na representante galega nun listado que tamén inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar, os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola.

O director da área de cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez, acompañou aos representantes das academias de cine e audiovisual da península no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

As academias de cine e audiovisual recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. O obxectivo desta distinción é destacar a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península.

A Academia Galega do Audiovisual escolleu Allariz por “a súa estreita relación co mundo do cine”. En 1998, esta vila, atravesada polo río Arnoia, converteuse no escenario principal da película A Lingua das Bolboretas. Alén das súas fermosas paisaxes, a película tivo un profundo impacto na vida dos seus habitantes, que participaron activamente no desenvolvemento da rodaxe dirixida por José Luis Cuerda, cuxa estrea se celebrou hai 25 anos.

O anuncio dos Lugares de Interese Cinematográfico inaugurou o VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, que se celebrará ata o 3 de outubro dentro do marco do Festival de Cine de Ourense. Neste evento participan representantes da Academia Galega do Audiovisual, que actúa como anfitrioa, así como da Academia de Cine de Andalucía, Academia Aragonesa de Cine, Acadèmia de Cinema Català, Academia de Cine de Extremadura, Academia Portuguesa de Cinema e Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual.

Este anuncio e a celebración do VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual contaron co apoio da Deputación de Ourense.

Fotografía: AGA / Aigi Boga

Categoría: Novas
Etiquetas: