Allariz recibe o distintivo de Lugar de Interese Cinematográfico

21 / 11 / 2024

Ourense, 21 de outubro de 2024 | A Academia Galega do Audiovisual outorgou esta mañá o distintivo de Lugar de Interese Cinematográfico (LIC) a Allariz, nun acto institucional ao que asistiron Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, e Alba Gallego, membro da xunta directiva da Academia e natural desta localidade.

Cristina Cid expresou o seu profundo agradecemento por este galardón que recoñece a Allariz como Lugar de Interese Cinematográfico. Durante a súa intervención rememorou o impacto que tivo na vila a rodaxe do filme A Lingua das Bolboretas en 1999, unha obra emblemática na filmografía de José Luis Cuerda. A película, filmada en parte nas rúas e paisaxes de Allariz, non só supuxo un impulso á proxección cultural da vila, senón que tamén deixou unha fonda pegada emocional entre os seus habitantes. A rexedora salientou o interese que aínda hoxe xera esta circunstancia entre as persoas que visitan a vila, subliñando como o cinema axuda a consolidar a Allariz como destino atractivo para as e os viaxeiros.

Alba Gallego e Cristina Cid nun dos espazos de Allariz onde se rodou “A lingua das bolboretas”

As academias de cine e audiovisual recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. Allariz é a representante galega dun listado que inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar, os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola.

A distinción Lugares de Interese Cinematográfico quere poñer en valor a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península.

Fundamentacións da Academia Galega do Audiovisual para escoller Allariz como Lugar de Interese Cinematográfico

A Academia Galega do Audiovisual distingue a Allariz como Lugar de Interese Cinematográfico neste 2024, un premio que recoñece a súa íntima conexión co mundo audiovisual. A vila bañada polo río Arnoia transformouse en 1998 no escenario vivo no que transcorre a A Lingua das Bolboretas. Non foron só as súas paisaxes as que se prestaron ao cine; a película transformou as vidas das veciñas e veciños da vila que se achegaban, cada xornada, a ver como se desenvolvía a rodaxe do filme de José Luis Cuerda, cuxa estrea tivo lugar hai 25 anos.

Mais a relación de Allariz co cine viña de moito antes. Xa en 1926, a vila foi o escenario que acolleu a rodaxe da película muda A Virxe de Cristal. Anos despois, a maxia do celuloide volvería, coas filmacións das películas Cuñados e La manzana de oro a serie Lobos e cordeiros ou o documental Quen somos nós.

Esta distinción quere recoñecer non só o pasado de Allariz, senón tamén o seu potencial como escenario de rodaxe. A súa beleza antiga, con rúas de pedra, pontes románicas e casas que parecen detidas no tempo, e a xeografía que a rodea —aldeas esquecidas, ríos silenciosos e montañas que vixían dende o alto— fan dela un decorado natural ideal para rodar calquera tipo de historia.

Categoría: Novas
Etiquetas: