Alfonso Agra: “Penso que están confundidos os que cren que coas plataformas hai futuro asegurado”

17 / 09 / 2021

O FICBueu recoñece a Alfonso Agra co Premio Cinema Galego, un galardón á súa extensa traxectoria iniciada, alá polos anos 80, da man da compañía teatral Artello. Falamos co actor arzuán sobre este premio e repasamos unha vida dedicada á interpretación. 

Que se sinte ao recibir un premio a toda unha traxectoria profesional? 

Unha enorme alegría, especialmente tendo en conta que é o primeiro premio que recibo nos xa corenta anos que me levo adicando a esta excéntrica profesión, e tamén, por qué non dicilo, porque eu empecei a facer teatro naquela excepcional Compañía que foi Artello, no ano 79 ou 80, de casualidade, como un xogo. A diferenza dos demais, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Manuel Pombal, Morris, Santiago Montenegro e Rosa Hurtado, eu non pensaba que tivese moito futuro neste oficio de contar historias. Eles crían na profesión, eu estaba alí un pouco a ver que pasaba. Despois de todo este tempo quero pensar que algo de talento teño para actuar, e o premio tamén me anima a pensar que así é.     

“Despois de todo este tempo quero pensar que algo de talento teño para actuar, e o premio tamén me anima a pensar que así é”.

Alfonso Agra, actor.

Que lembras daqueles anos?

Os recordos que teño son fantasticos. Eu tiña 18 ou 19 anos… quedaba impactado con aquelas historias que nos contaban as fantásticas compañías de teatro que facían unha parada en Vigo. Pero tamén me gustaba a música, a pintura, a arquitectectura, a literatura, en fin, todas esas cousas que che dan voltas na cabeza cando tes 18 ou 19 anos. Alguen de Artello propúxome formar parte da Compañía e non houbo máis que falar. Desde o principio funcionou fenomenal, todo o mundo quería vernos e nos pasabámolo en grande, que máis se pode pedir? despois o CDG, a TVG, películas, dobraxe… e ata hoxe.    

Mencionas teatro, televisión, cine, dobraxe… en cal dos medios te sintes máis cómodo?

As sensacións que dá o teatro son incomparables.                                

Alfonso Agra, actor

O público está afeito a verte nas pantallas ou nos escenarios, pero tamén a escoitar a túa voz dobrando a diversos personaxes. Que destacarías da túa experiencia como dobrador?

Se eu cheguei ata o día de hoxe sendo actor é, en grande parte, grazas a dobraxe. Ningún actor ou actriz en Galicia vive soamente do seu traballo de intérprete, todos necesitamos outros apoios: algúns dan clases, outros facemos dobraxe, e outros apoiaranse no que poden. As épocas de traballo na nosa profesión son efémeras así que eu, cando non teño traballo de actor, son dobrador. É unha profesión moi polémica no mundo audiovisual, aínda non sei o por que. É un oficio moi dificil, moi duro e, por suposto, moi digno. Permíteche ter economía e ademais poder aprender o estar continuamente en contacto con excelentes traballos feitos en todo o mundo; e se non che gustan as dobraxes, podes velo en orixinal, e punto.                     

Se tiveses que elixir só un personaxe da túa carreira, cal sería e por que?

Probablemente Silvino en Terra de Miranda. Paseino moi ben en toda esa época, eu son de aldea, de Arzúa, e andar todos eses anos rodeado de vacas, cun fantástico grupo de xente aos que levo no corazón, perdidos por Mondoñedo, Guitiriz, Aranga…foi fenomenal,inesquecible. Despois, e xa máis recentemente, foi moi, moi especial facer Fariña: reencontrarme con moitos compañeiros que fixeron comigo o camiño durante todos estes anos e contando unha historia que coñeciamos coma a palma da nosa man. Pero claro, Fariña foron uns meses e Terra de Miranda foron cinco ou seis anos (risas).

Alfonso Agra xunto con Lucía Regueiro e Miguel Canalejo en Serramoura

Formaches parte do reparto das series máis populares producidas por TVGcomo Pratos Combinados, Mareas Vivas, Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares, Serramoura… que papel consideras que xoga a televisión pública para a consolidación da canteira de actores e técnicos que temos en Galicia?

Fundamental, imprescindible, incuestionable. Estou moi preocupado con ese asunto. A día de hoxe só hai en emisión unha serie de produción propia na Televisión de Galicia, e a horas clandestinas. A TVG non pode abandoarnos, aí nacemos todos e sinceramente coido que aí segue estándo o noso futuro. Penso que están moi confundidos os que cren que en todo este rebumbio das plataformas hai futuro asegurado, hai futuro para cinco con sorte, non máis. Os repartos dos proxectos para plataformas que se fan aquí son maiormente con actores e actrices non galegos, e non semella que iso vaia cambiar.

Nos últimos anos ti tamén participaches en series feitas en Galicia con moita proxección fora, como Fariña, Néboa ou El desorden que dejas. Cal é a túa valoración do impacto destes proxectos e da produción para as plataformas de streaming dentro do sector?

É obvio que houbo un importante cambio no sector en Galicia, historias contadas hoxe en Galicia podense ver en moreas de países e iso beneficianos a todos: especialmente as produtoras. Pero enlazando coa anterior pregunta coido que os e as intérpretes son os que menos favorecídos saen deste novo mundo. De aí a importancia da TVG.   

Tes algún proxecto á vista?

Pois sinceramente non; fixen un par de probas, pero nada confirmado. Durante o último ano fixen catro sesións no audiovisual, así que, como comentaba anteriormente, o noso traballo é efémero e as plataformas non che solucionan a vida, polo menos no meu caso. Saúde!

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: