ALEJANDRO MARZOA PRESENTA “SOMOS GENTE HONRADA” NO FESTIVAL DE CANS

24 / 05 / 2013

O Festival de Cans acolleu onte a estrea da longametraxe Somos gente honrada, no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño ás 20:00 horas, un dos fitos desta décima edición que se presentaba onte pola mañá en rolda de prensa coa presenza do seu director, Alejandro Marzoa, o actor Unax Ugalde, a presidenta do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, María José Giráldez e o director do festival de Cans Alfonso Pato. Como marca a tradición, a estrea comezará coa procesión de chimpibuses dende o Parque infantil coa presenza do equipo técnico e artístico da película.

O director do festival, Alfonso Pato, comentou que poder presentar en Cans a ópera prima de Alejandro Marzoa, “un Fillo de Cans”, “faime unha ilusión enorme, especialmente neste décimo aniversario”. Pola súa parte, Marzoa recordou durante a rolda, que un dos primeiros festivais nos que presentou a súa primeira curta Temporada 92-93 foi Cans, polo que estrear en Cans é “un auténtico pracer”. Agradeceu ademais ao festival e ao seu director, Alfonso Pato, polo seu apoio á curtametraxe galega e aos novos realizadores. “Alégrame ver que neste tempo o festival foi crecendo e converteuse en todo un referente que segue a brindar oportunidades á xente do audiovisual nun entorno tan especial cheo de amigos”, sinalou.

Marzoa definiu a súa película como unha película de personaxes, “unha mestura entre comedia e drama, con personaxes próximos, adultos e inmaduros”, que recunca en valores claves como a amizade e a familia”. Sinalou ademais que este foi un proxecto que tivo dificultades para poder levalo adiante, especialmente neste contexto que atravesamos, pero que finalmente estará nos cines o 14 de xuño.

Somos gente honrada, producida por El Terrat y Vaca Films, estrease en Cans antes que nas salas comerciais, onde chegará nun par de semanas, e despois de formar parte da sección oficial do Festival de Málaga. Entre o reparto figuran Paco Tous, Miguel de Lira, Unax Ugalde que ademais é membro do xurado das curtametraxes, Antonio Durán ‘Morris’, Luís Iglesia e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’. A rodaxe tivo lugar durante os meses de xuño e xullo de 2012 integramente na Coruña e arredores.

 

Sinopse de Somos gente honrada

Suso e Manuel, dous pais de familia e amigos de toda a vida, non pasan polo seu mellor momento. Tras chegar a cincuentena, vense sen traballo e sen cartos. Cando a situación é practicamente insostible sucede a milagre: nun día de pesca, topan un paquete con dez quilos de cocaína. Os dous amigos deciden comezar a vender a droga para saír da miseria na que están a vivir. Pero o dilema moral non é o seu único problema: que saben dous cincuentóns de cocaína?

 

Alejandro Marzoa

Somos gente honrada é a ópera prima deste novo director que conta cunha interesante carreira como curtametraxista. Dúas das súas curtas foron premiadas no festival: Temporada 92-93, gañadora de máis de 70 premios en todo o mundo, entre eles o premio do público en Cans 2007, e Padre Modelo, que obtivo máis de 10 galardóns, un deles o premio do xurado dos veciños en Cans 2012. Marzoa firma o guión de Somos gente honrada xunto a Miguel Ángel Blanca e Juan Cruz (Goya por Tapas), coa colaboración de Jaume Ripoll.

 

Programa do venres

O venres segue aumentando a intensidade da programación. Pola mañá teremos de novo grupos coñecendo o festival, asistindo a proxeccións e coloquios con directores nunha nova sesión de “Cans de futuro”. Estreamos a sección “A que andas?” na que nos visitarán seis dos nosos cineastas máis prolíficos para contar en que proxectos están mergullados na actualidade: Andrés Rosende, que presenta Sink Hole, Alberto Vázquez, con Psiconautas, Enrique Otero que amosará Ningúns dios aquí arriba, Jorge Coira que chega con La luna en septiembre, e as Sonia e Miriam Albert Sobrino que presentarán A historia dun satélite, Rafael e a nai que o pariu, unha longametraxe que filmarán en xullo.

E a partir da tarde proxeccións, a preestrea de Encallados, a estrea do documental Toñito Blanco, só perdido e vicioso, coloquios, espectáculos musicais, como a Canastro Experience de Víctor Coyote, ata chegar á Noite de Aniversario, na que entregaremos o Premio Pedigree a Manuel Manquiña e os Chimpíns de Prata ás catro casas que abriron as súas portas na primeira edición do festival, escoitaremos os concertos de Jorge Ilegal y los Magníficos, Javi Arizona Dj e Cé Orquestra Pantasma, e na que haberá moitas sorpresas máis.

 

Consultade a programación completa do venres:

VENRES 24 DE MAIO

10.00h. Cans do futuro. Visitas guiadas para colexios, con proxeccións e coloquios con directores e actores. No Baixo de Moncho

12.00h. A que andas?: Andrés Rosende (Sink Hole), Alberto Vázquez (Psiconautas), Quique Otero (Ningún Dios aquí arriba) e Jorge Coira (La luna en setiembre) avanzan detalles dos seus proxectos actuais. No Cuberto de Bugarín

16:00h. Canastro Experience: Ruido Baixinho: “Dez Cans Dead”. No hórreo da Casa de Bugarín

16.30h. Fill@s de Cans: Funes de Quique Otero, Os Fenómenos de Alfonso Zarauza, Alén do Cosmos, de Rubén Pardiñas e Pedro Pablo Alonso, Your lost memories, de Alejandro Marzoa. No Baixo de Moncho

17.00h. Canastro Experience: Ruido Baixinho: “Dez Cans Dead”. No hórreo da Casa de Bugarín

18.00h. Estrea do documental Toñito Blanco: só, perdido e vicioso. Coa presenza de Juanillo Esteban e Julián Hernández, protagonistas do documental, e máis o produtor, Xosé Zapata. No Baixo de Moncho

18.30h. Canastro Experience: Ruido Baixinho: “Dez Cans Dead”. No hórreo da Casa de Bugarín

19.30h. Primeiro test: preestrea de Encallados, de Alfonso Zarauza. No Baixo de Bugarín

21.30h. Procesión de chimpíns coa treboada Os da Fonte do Frade

21.45h. Inauguración da exposición de Luis Davila, O Bicheiro, con viñetas sobre Cans. No Cans Voulevar

 

Torreiro de Cans:

22.00h. NOITE DE ANIVERSARIO

Presentada por Keka Losada e Federico Pérez

Presentación dos xurados do festival

Estrea dos traballos de Can Campus: videoclips de Terbutalina e Os Vacalouras

Proxección e premios dos videoclips gañadores da noite V Clips

Presentación de Cans Proxecta

Entrega do premio á mellor obra da Can Parade

Proxección de Cans 2012: 10 – 1 = Cans. Making of resumo da novena edición do Festival de Cans

Proxección de “10 anos do festival de Cans”

Can Parade: presentación da figura gañadora

Entrega de premios do concurso de videoclips

Entrega dos Chimpíns de Prata á serie “Era visto!” e os veciños/as pioneiros/as.

Entrega do Premio de Honra Pedigree’2013 a Manuel Manquiña e colocación da súa estrela no Torreiro das Estrelas

23.30h. Concerto Jorge Ilegal y Los Magníficos

2.00h. Sesión DiscoChimpín con Javi Arizona Dj

 

Bar A Escola Vella (Cans):

3.30h. Cé Orquestra Pantasma

 

Categoría: Novas
Etiquetas: