Alejandro García Fernández, máis coñecido como Rufo Sonido, é o director técnico no control de cámaras e son do Parlamento de Galicia, pero resulta coñecido sobre todo polo seu traballo nos equipos de son de diversas producións audiovisuais. O ano pasado estreou a súa ópera prima, unha curtametraxe que se estreou no Fanzine de Lemos coa que cumpriu o soño de dirixir.
Falamos de son e repasamos unha traxectoria repleta de “moitos bos momentos”.
Son directo, edición de son, mestura de son, deseño de son… con cal te quedas?
Sen dúbida co deseño de son, é algo que me apaixoa. Cando empezo un proxecto novo, nas primeiras conversas co director, comezo a deseñar. Primeiro comprendo que quere, de que xeito quere que soe o traballo, e despois empezo a planificar e a idear mundos sonoros. En canto recibo o guión escollo unha secuencia, normalmente a que máis xogo sonoro dá, e mandolle ao director e á produtora un arquivo sonoro de como imaxino que podería quedar. Isto funciona moi ben para ver se estamos no bo camiño e cales son os gustos sonoros do director.
Para min crear un mundo sonoro é coma pintar un lenzo en branco, comezar a dar pinceladas e a introducir cores ata obter unha creación dende a nada. Así entendo un bo deseño de son que axude a contar a historia, a resaltala, a frear ou acelerar o ritmo, a envolver a audiencia, en definitiva, a crear emocións. É imprescíndibel crear bos mundos sonoros para contar boas historias.
Os diferentes perfís dos equipos de son poden resultar confusos, incluso para as persoas que traballan no secctor. Poderías explicar en que consiste cada unha?
O son directo é o que se capta na rodaxe. Os diálogos das actrices e actores nunha escena ou as accións que fan diante da cámara en calquera momento da película. A maior parte dos ambientes que logo se empregan na postproducción xa os gravo ou mando gravar á equipa de son directo. Incluso gosto moito de poder gravar en directo músicas sinxelas… por exemplo, se hai alguén que colle unha guitarra e canta, se unha ou varias actrices ou actores comezan a facer música… todo o que poidamos levar gravado co son en directo fará que o resultado final sexa máis realista, máis natural e orgánico e axudaranos moito na postproducción. Evidentemente, hay moitas cousas que é imposíbel gravalas en directo, sobre todo en grandes producións.
No caso da edición de son consiste na gravación de diálogos, accións, efectos de sala, ou efectos Foley. En definitiva, todo aquilo que non puido ser gravado na fase de son en directo acabámolo gravando na edición de son. Nesta parte destaca a creación de sons que non existían previamente, por exemplo, se pensamos en películas de dinosaurios ou de naves espaciais cun forte contido sonoro, este tivo que ser grabado e editado ex profeso. O éxito ven dado porque algún destes sons témolo tan interiorizado que se recoñece en calquera parte do mundo só con que soe dous segundos.
A mestura de son é a arte de equilibrar todos os sons dunha película, dende os diálogos ata as músicas, pasando polos efectos. Aquí é onde se crean as emocións, onde removemos ao espectador na butaca. A cantidade de sons e de capas que chegamos a mesturar nunha película e incríbel pero certa. Todos e cada un deles están para facer dunha escena un remanso de paz ou unha axitación tan grande que ao espectador se lle acelere o pulso. Gústame moito transmitir emocións a través do meu traballo. Coido que é o máximo que pode transmitir o nun filme e é na mestura onde o conseguimos.
Para rematar, o deseño de son, a grandes rasgos, é a planificación e deseño de todo o conxunto de sons que compoñen un filme. Un proceso creativo e de organización de tódolos aspectos e de tódolas equipas de son participantes nunha obra audiovisual.
Empezas a traballar no audiovisual en 2004, que balance fas da túa traxectoria?
Foron moi especiais para min os primeiros pasos traballando na montaxe de son nas unidades móbiles da TVG, alí aprendín moitísimo e, desa etapa, gardo grandes amigos; os anos de técnico de son no fútbol que tantas alegrías me deron; rodaxes coma as dos documentais Tempo ou Os días afogados; as primeiras películas ou a serie Imos de viños coa que percorrimos Galicia cunha gran equipa. Agora no Parlamento, a madurez profesional que conleva tamén unha grande responsabilidade. É o resultado dun longo camiño percorrido. Gustame moito o documental, acabo implicándome moito coas historias. As rodaxes ou os campos de fútbol teñen un sitio privilexiado neses bos recordos, aínda que hoxe asumir altas responsabilidades en grandes eventos e insustituíbel, encántame sentir a presión e recibir o recoñecemento final.
“Asumir altas responsabilidades en grandes eventos e insustituíbel, encántame sentir a presión e recibir o recoñecemento final.”
Alejandro García, técnico
Como valoras a evolución do sector nestes anos?
Considero que o audivisual galego acadou cotas impensables hai vinte anos e aínda non tocamos teito. As produccións galegas percorren os grandes festivais do mundo, acadan grandes premios, enchen as salas e son un éxito nas plataformas. Os profesionais galegos son valorados e respectados no mundo. Penso que aínda haberá moitos máis triunfos, sen dúbida.
Quédome con que estamos construíndo unha industria sólida, con profesionais cualificados, grandes empresas e plataformas coas que estamos chegando ao gran público internacional. Estamos a vivir a idade de ouro do audiovisual galego? Non penso que quede aquí, imos a máis.
O ano pasado dirixiches Urdimbre, historia de una desaparición, a túa opera prima. Como foi a experiencia de dirixir?
Tiña moitas ganas, a verdade é que sempre me chamou moito a dirección, disfruto moito creando e producindo. Na produción xa tiven algunha experiencia e éxitos en documentais, pero a dirección vai máis alá, ten maxia. Urdimbre é unha ópera prima cos seus acertos e os seus erros. Aprendín moito e alimentou a chama da dirección, e só por iso estarei eternamente agradecido a Urdimbre. De feito estou argallando algo dende hai meses, escribindo e e documentándome. Espero poder levar a cabo ese proxecto en 2023.
Como viviches a estrea no Fanzine de Lemos?
Urdimbre: historia de una desaparición é unha producción cen por cen feita por xente da comarca de Lemos. Estreala no Fancine de Lemos era o seu ámbito natural, tiña que ser alí. Se lle sumas facelo na adega Algueira, no corazón da Ribeira Sacra, nunha tarde de verán rodeado de familia, amigos e a equipa ao completo, convírtese nunha xornada inesquecíbel. Só podo agradecer ao Fancine de Lemos a oportunidade que lle deu a Urdimbre de poder estar no Festival e a confianza depositada en min este, ano xa que me incorporei como programador. Agardo poder colaborar moitos anos máis con eles. Para min o Fancine de Lemos é un festival de referencia en Galicia e non deixa de medrar.
Podes contarnos en que estás a traballar?
Ademais de traballar como director técnico no control de cámaras e son do Parlamento de Galicia, estou a escribir un guión para dirixilo o ano que ven. Proximamente comezarei unha rodaxe dun documental na parte de son cunha equipa única en un proxecto incríbel, non podo dicir máis…
Que che gusta facer cando non estás traballando?
Desfrutar das rúas empedradas do casco vello de Compostela, do lecer e as actividades culturais que ofrece a cidade. Escapar á Ribeira Sacra, onde estamos construíndo unha casa. A combinación da cidade e o rural é imprescindíbel para min. Os museos, as ceas cos amigos, os roteiros e os chapuzóns no río Miño e descubrir novos recunchos son os pasatempos que máis desfruto.