Aldaolado presentará a entrega de premios da V edición dos María Luz Morales

21 / 06 / 2021

O dúo artístico Aldaolado presentará a entrega de premios da V edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, que terá lugar o vindeiro luns 28 de xuño, na sede da Deputación da Coruña. O evento non será aberto ao público pero será retransmitido en streaming polas redes sociais da Academia.

As poetas galegas Lucía Aldao e María Lado decidiron unir os seus esforzos creativos en 2005 para dar lugar a este proxecto de poesía escénica. Nos seus espectáculos tratan temas de interese colectivo a través do humor, coma a lingua, o amor romántico, a igualdade de xénero, a vida de poeta e un longo etcétera.

A súa espontaneidade e complicidade en directo quedarán patentes no acto no que se darán a coñecer os traballos gañadores nas catro categorías que conforman os premios: Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego,  Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, Mellor videoensaio sobre audiovisual galego e Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional, que recibirán unha estatuíña conmemorativa  e 1.200 euros.

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales. Contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense de Deputación de Pontevedra.

Etiquetas: