ALBERTE PAGÁN PRESENTA O SEU DOCUMENTAL EXPERIMENTAL REALIZADO EN ZIMBAWE

16 / 07 / 2009

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) presenta mañá venres día 17 de xullo ás 20.30 horas o último traballo do cineasta galego Alberte Pagán, TANYARADZWA , documental experimental realizado en Zimbawe. Haberá presentación a cargo do seu autor e coloquio posterior á proxección. A entrada é gratuíta.


Experto en cinema experimental, avalado por publicacións anteriores como Introducción aos clásicos do cinema experimental (1999) ou Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell (2003), firmante de suxestivos artigos sobre Zulueta e o cinema estadounidense experimental da etapa dos Novos Cines (memorable o artigo incluido no volume Dentro y fuera de Hollywood), Alberte Pagán (O Carballiño, 1966) é á vez un destacado cineasta, autor de obras como Os Waslala (2005), curta impregnada de elementos materialistas ou a lúcida aposta que representa a longametraxe Bs. As. (2007), presente en prestixiosos festivais e pola que se filtra un elaborado esforzo polo que transcurren nocións valiosas de termos como vangarda, identidade ou non-lugar ou Pó de estrelas (2008) .

 
TANYARADZWA     
(España, 2009)

Dirección, guión, produción e fotografía: Alberte Pagán. Duración: 186 minutos.
Documental experimental independente rodado en Zimbawe por Alberte Pagán, logo da excelente difusión dos seus traballos anteriores, Bs. As. (2007) e Pó de estrelas (2008), é, como ben indica o seu autor, un retrato a medio camiño entre un screen test de Warhol (non en van Pagán lle dedicou ao artista norteamericano unha excelente monografía publicada en Positivas) e a plasmación dun busto parlante confesional, a muller de Zimbawe que lle dá nome á película. Uso de pantalla dividida.

Categoría: Novas
Etiquetas: