Adrián Castiñeiras e Carmen Méndez presentan ‘Saudade de ti’

15 / 07 / 2022

Saudade de ti é unha ficción diaria que emite a TVG, de domingo a xoves, desde o pasado 3 de xullo. Unha serie repleta de intrigas familiares, segredos e romances. 

Un fatídico accidente sacode a vida da vila mariñeira de Abrente. A causa del, Celia, interpretada por María Tasende, regresa ao pobo facerse cargo do seu pai e traballar no centro de saúde. Axiña empezará a sentir algo especial por Santi, o enfermeiro do centro. 

Pola súa banda, os López de Castro, a familia máis poderosa de Abrente, tamén se verá afectada pola traxedia, pero Raúl (interpretado por Fran Nogueira), loitará por facerse co poder coa axuda da súa muller, Mónica. 

Falamos con Adrián Castiñeiras (Santi) e Carmen Méndez (Mónica) sobre este novo proxecto, producido por Voz Audiovisual. 

Carmen Méndez interpreta a Mónica en Saudade de ti.

Que pode atopar a audiencia nesta nova serie?  

Adrián Castiñeiras (A.C.) – É unha novela con todos os ingredientes imprescindíbeis do xénero: amor e desamor, traizóns, intriga… É a historia dunha vila mariñeira que se ve alterada por un accidente fatal, o cal revela todos os segredos dos seus habitantes.

Carmen Méndez (C.M.) – A audiencia vai atopar moitos ingredientes para quedar atrapada na historia de Abrente. Nesta serie son moi importantes as relacións que se establecen entre as tres principais familias da vila, que ó mesmo tempo están conectadas entre elas. Hai moito amor, desamor, ambicións, segredos, loitas de poder … e moitas sorpresas ó longo de cada capítulo.

Podedes presentarnos aos vosos personaxes? 

C.M. – Mónica é unha muller independente, feita a si mesma, ambiciosa, intelixente, e que ten claro o que quere e como conseguilo. Busca éxito no terreo profesional e a nivel persoal, está namorada do seu home, aínda que coa chegada de Celia á vila, o seu matrimonio comeza a perigar.

A.C. – Santi é o enfermeiro do centro de saude de Abrente, a vila na que transcorre a historia. Ten un punto soberbio, arrogante e descarado, pero no fondo é un tipo de gran corazón e un padrazo. Cando coñece a Celia, o personaxe que intrepreta Maria Tasende, o frechazo é casi instanténeo, ainda que logo haberá moitas subidas e baixadas entre os dous. 

Como conseguistes facer crible ese frechazo?

A.C. – Este é un dos aspectos os que máis traballo lle dedicamos, tanto cos guionistas como cos directores, porque nunha novela, o interés das tramas amorosas é un dos piares fundamentáis para que funcione. Por sorte María e mais eu somos amigos e xa traballamos moitas veces xuntos polo que temos unha gran confianza que axuda á hora de crear esa relación en pantalla. Digamos que temos iso que se chama “química”.

Adrián Castiñeiras interpreta a Santi en Saudade de ti.

Mónica está casada con Raúl, a quen interpreta Fran Nogueira, que vive un conflicto cando un amor do pasado regresa á vila. Vos como construístes a historia desa parella? 

C.M. – Mónica e Raúl levan moito tempo de relación… e coa información que iamos tendo sobre eles, coa axuda dos directores, lendo os guións… fomos construíndo esa relación. Realmente, como eles mesmos din en moitas ocasións, son un equipo. Teñen moitas cousas en común,  hai amizade, hai atracción, entendemento e divírtense xuntos… Pero van aparecer circunstancias que van poñer a proba esa relación e que van deixar entrever que, se cadra, non eran tan bo equipo como pensaban.

María Tasende, Fran Nogueira, César Cambeiro, Mayka Braña, Manuel San Martín, María Costas, Alfonso Agra, Paku Granxa o Beatriz Serén… o elenco da serie é moi extenso. Houbo un traballo previo de preparación con actores e actrices antes de empezar a rodar?

A.C. – Antes de empezar a rodar tivemos varias xornadas de ensaios cos directores para ir traballando tanto a personalidade dos nosos personaxes como a relación entre os uns e os outros para poder transmitir esa sensación de que Abrente é unha vila na que todos nos coñecemos. 

C.M. – Si, tivemos ensaios previos antes de comezar a rodaxe, sobre todo para establecer as relacións entre os diferentes personaxes e tamén para ir achegándonos cada un á nosa propia personaxe. Os ensaios axudan moito a situarse e a construír os personaxes, ademais de ir coñecendo mellor aos e ás compañeiras. 

A.C. – Por sorte, case todos éramos xa vellos coñecidos, incluso moitos de nos xa traballáramos xuntos o que axuda a ese punto de comodidade e familiaridade que precisa un proxecto coma este.

C. M. – Eu coñecía a moitos deles, pero non coincidira traballando con bastantes. É enriquecedor ir traballando con compañeiros e compañeiras diferentes, porque sempre se aprende moito deles.

Tivemos varias xornadas de ensaios cos directores para ir traballando tanto a personalidade dos nosos personaxes como a relación entre os uns e os outros para poder transmitir esa sensación de que Abrente é unha vila na que todos nos coñecemos.”

Adrián Castiñeiras, intérprete

Se fosedes espectadores da serie, cal pensades que sería o voso personaxe favorito e por que? 

C. M. –  Mónica, por suposto (risas). Se tivese que elexir  outro, quitando o meu… quizais me quedaría con Adela. Paréceme unha personaxe moi interesante e que pode dar moito xogo. Fría por fóra… pero que seguro agocha moito lume por dentro.

A.C. – Un punto forte desta serie é que os personaxes están moi ben debuxados dende o guión e o elenco está moi ben elixido polo que hai moitos personaxes moi sólidos. Hainos bos, malos, tenros, ariscos…. e todos teñen as súas aristas. No meu caso particular, tiven moitas secuencias con María Tasende, que fai unha gran labor levando o peso da trama principal, e con Fernando Morán, que estou seguro que será un dos favoritos da audiencia.

Como foi o traballo cos tres directores do proxecto, Ozo Perozo, Giselle Llanio e Manu Espiñeira?

A.C. – Moi enriquecedora, porque dentro de que se complementan moi ben, cada un ten unha forma diferente de traballar. Se tivese que destacar algo de cada un diría que Ozo é un gran director de actores, Giselle xoga moi ben coa cámara e ten un ollo especial para plasmar as relacións amorosas e Manu é un todoterreo que sabe moi ben onde está a esencia de cada secuencia.

C. M. – Si, a verdade é que foi bonito traballar con eles. É unha mágoa que gravemos tan rápido. Moitas veces quedas coa sensación de querer probar diferentes cousas, pero os tempos son os que son. Aínda así, eu disfrutei moito cada día. E os directores sempre remaron a favor.

Imaxinamos que os ritmos de traballo serían esixentes para poder gravar material suficiente para unha emisión diaria…

A.C. – Dende logo, o ritmo dunha serie diaria é moi alto porque se gravan moitas secuencias nun só día. 

C. M. – Si, é esixente. Traballamos con dúas unidades, unha pola mañá e outra pola tarde. Grávanse moitas secuencias ó día, e o tempo para cada unha é limitado, polo que todo se fai máis rápido: o pase de texto, ensaio antes de gravar, poucas tomas… É certo que é un adestramento brutal como actriz traballar a este ritmo, porque tes que viaxar por múltiples emocións en moi pouco tempo. E tamén ten outra cousa positiva: exercitas a memoria. Porque despois de estar horas gravando, ao chegar á casa, tes que estudar para o seguinte día.

Que pesa máis en Saudade de ti, o drama, a intriga ou a comedia ?

C. M. – Penso que depende un pouquiño de cada familia… e de cada momento. Pero se tivese que elixir, diría intriga. Todos os personaxes esconden cousas, que irán aparecendo (ou non) ó longo dos capítulos. Eu, cada vez que chegaba un novo capítulo estaba desexando lelo, e sempre me sorprendía con algo novo. Espero que lles pase o mesmo  aos espectadores que se animen a ver a serie.

A.C. – Eu coido que o drama, como corresponde ao xénero da novela, aínda que, como di Carmen, en Saudade de ti hai unha aposta forte pola intriga que penso que lle senta moi ben. Comedia hai en menores doses, pero ben sementada. O meu personaxe, por exemplo, é un dos que máis explotan esa comedia grazas tamén o traballo de Fernando Morán.

“Cada vez que chegaba un novo capítulo estaba desexando lelo, e sempre me sorprendía con algo novo. Espero que lles pase o mesmo  aos espectadores que se animen a ver a serie.”

Carmen Méndez, intérprete

Que vos gusta facer cando non estades traballando?

C. M. – Ver cine. É o que máis me gusta sempre… aínda que dalgunha maneira moitas veces vendo cine sigo traballando porque me estou fixando nas interpretacións, ou no guión, ou na foto… Aprendo e desfruto moito vendo cine, cada vez máis.  Tamén me gusta unha boa conversa con amigas tomando un café,  facer deporte ou escaparme a sitios tranquilos en busca de natureza e relax.

A.C. – Eu o certo é que son un tipo bastante inquedo e sempre estou metido en berenxenáis producindo con Kraken Films ou argallando algo no meu beach bar Bico Beach, pero cando teño un momento encántame viaxar e pasar tempo na praia con amigos e familia. 

Fotografías: Voz Audiovisual

Categoría: Entrevistas
Etiquetas: