A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL CONSERVARÁ NOS MESTRE MATEO AS CATEGORÍAS DOS FORMATOS CURTOS E DEBATERÁ CO SECTOR A CREACIÓN DOUTROS GALARDÓNS PARA INCORPORAR NOVAS MIRADAS

22 / 11 / 2014

A asemblea xeral extraordinaria e aberta que celebrou a Academia Galega do Audiovisual na mañá de hoxe decidiu reincorporar á vindeira edición dos premios Mestre Mateo as catro categorías de formatos curtos e máis a categoría de Dirección de produción, ao tempo que proporá un debate ao sector galego para a creación duns novos galardóns nos que atender a importancia das novas miradas e das novas linguaxes audiovisuais.

As catro categorías de formatos curtos (curtametraxe, webserie, anuncio publicitario e videoclip) formarán parte da grella de premios que se entregarán na vindeira edición dos premios do audiovisual galego. Xunto a estas catro categorías, tamén se reincorporará a correspondente á categoría de Dirección de produción. Na anterior asemblea da AGA aprobouse a creación duns novos galardóns para incorporar aos premios da Academia unha parte da produción audiovisual que na actualidade non está representada nos Mestre Mateo. Estes novos premios incorporarían, ademais das novas especialidades, as catro categorías de formatos curtos.

Esta proposta provocou un debate con posicións contrastadas no sector audiovisual polo que a AGA convocou esta nova asemblea convidando a todos os interesados a expresar o seu punto de vista, coa fin de ampliar o debate e buscar o maior consenso posible. E diante da posibilidade de que estes novos premios propostos non tivesen o respaldo maioritario do sector, a asemblea inclinouse por reintegrar as categorías citadas aos Mestre Mateo e a propoñer un debate igualmente aberto pero máis amplo sobre os novos galardóns. 

A directiva da AGA anunciou o seu compromiso de estudar e promover novas formas de participación e comunicación entre a Academia e o sector audiovisual galego.

Etiquetas: