Aberto o prazo para participar nos IV Premios María Luz Morales

2 / 12 / 2019

A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foi presentada onte no marco do Culturgal. 

O evento contou coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que será a anfitrioa da entrega de premios da presente edición. Estivo acompañada por Aurelio Gómez, asesor de cultura da Deputación de Ourense e Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, quen reivindicou os dous obxectivos principais destes premios: descubrir a figura de María Luz Morales e propiciar o coñecemento e a investigación no eido audiovisual, o que constitúe unha das razóns de ser da Academia. Pola súa banda, Aurelio Gómez quixo destacar o valor da colaboración entre as catro deputacións para a posta en marcha desta convocatoria e a importancia do traballo conxunto para materializar proxectos  a prol da cultura. A presidenta da Deputación de Pontevedra quixo destacar “a grande revolución que vive o audiovisual galego a todos os niveis” e agradeceu á Academia que recuperase o nome de María Luz Morales e que sacase do silencio “a mulleres que tanto teñen aportado á nosa cultura”.

As persoas interesadas en participar na presenta edición dos premios, poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe ata o próximo 3 de maio a través do correo-e inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal, segundo recollen as bases que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán un galardón e 1.200 euros.

Os premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre audiovisual pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Levan o nome dunha xornalista galega que foi pioneira na súa época, ao converterse na primeira directora dun xornal diario estatal, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo e foi represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

Os gañadores da pasada edición foron Sara  Varela, que gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con B Positivos; Eire García, premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Propaganda de guerra; Pepe Coira, premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con Argumentos de películas; e Xurxo González, premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con O palco dum povo: Oliveira 2.0. Ademais, o xurado quixo recoñecer tamén o traballo de Irene Basanta, Denisse Lozano, Sara Donoso e Antón Varela con catro accésit.

Podedes consultar aquí as bases desta edición e aquí as cláusulas de protección de datos.

Etiquetas: