Aberto o prazo de presentación de traballos para os VI María Luz Morales

11 / 01 / 2022

A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas volven premiar, por sexto ano consecutivo, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando os VI Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual.  

As persoas interesadas en participar poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe ata o vindeiro 7 de xuño a través do correo inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal. Os traballos gañadores nas categorías de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego,  Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, Mellor videoensaio sobre audiovisual galego e Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional, recibirán unha estatuíña conmemorativa e 1.200 euros.

Os premios,  que contan co apoio das Deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Bases da VI edición | Cláusulas de protección de datos

Etiquetas: