A UNIVERSIDADE DA CORUÑA E O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA ASINAN UN CONVENIO PARA FORMAR A ESPECIALISTAS EN COMERCIALIZACIÓN DE CONTIDOS AUDIOVISUAIS

14 / 04 / 2009

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña firmaron un convenio para asumir de forma conxunta a organización do curso de posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA), que desenvolve o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. 

En virtude do acordo, o Consorcio colabora na planificación e promoción do CICA, da apoio loxístico ao curso e aporta 30.000 euros para o seu desenvolvemento. 

O convenio, que foi firmado polo reitor da Universidade da Coruña e polo presidente do Consorcio, ten como obxectivo contribuír a que a formación  na Universidade se complemente e enriqueza coa práctica no campo profesional para lograr unha capacitación integral do estudante no ámbito da comercialización de contidos audiovisuais. 

O curso de posgrao CICA, de carácter bienal, ten como obxectivo formar axentes de vendas internacionais e profesionais que coñezan as claves destes mercados, onde os alumnos participantes realizan as súas prácticas. MIPTV, MIPCOM e o Festival de Cine de Cannes son os escenarios onde os participantes do CICA poñen en práctica a formación que durante o curso reciben de destacados profesionais do sector audiovisual español. 

Ademais do Consorcio Audiovisual de Galicia, CICA tamén ten entre os seus colaboradores ao Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), con quen mantén un convenio de colaboración para a formación de especialistas na área de internacionalización da industria audiovisual. 

Categoría: Novas
Etiquetas: