En xullo de 1984 o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Creación de Radio Televisión de Galicia que nacía co fin de contribuír á normalización lingüística e á cohesión do tecido social e xeográfico da Comunidade Autónoma. Un ano despois e tal día como hoxe, o 24 de xullo a Televisión de Galicia inauguraba a súa programación coa emisión en directo dos actos do día do Apóstolo dende as súas instalacións en San Marcos, se ben non sería ata o 29 de setembro dese mesmo ano que comezaría a súa programación regular.
A creación da TVG, que hoxe festexa o seu trinta aniversario, supuxo o primeiro impulso para a constitución da estrutura empresarial produtiva do audiovisual: inicialmente ás empresas de dobraxe, ao conformarse a programación de produción allea; e dende 1995 ás produtoras apoiando diferentes proxectos de ficción autóctona e en galego, principalmente series, que alcanzaron éxitos sen precedentes, e mediante o financiamento de filmes ben a través da compra dos dereitos de emisión ou ben como coprodutores.
TVG iniciou así en decembro do 95 unha forte aposta pola produción de series de ficción que supuxeron un reto e á vez unha grande oportunidade. Nun primeiro momento Pratos Combinados, á que lle seguiron A Familia Pita e Mareas Vivas, que representou dende 1999 cotas de audiencia que superaron o 55% e supuxo a conciliación definitiva do público galego coas súas series autóctonas. A consecuencia deste fito foi a programación constante de novas series como Terra de Miranda, Rías Baixas, Pequeño Hotel, Galicia Express, Libro de Familia, A vida por diante, Air Galicia, As leis de Celavella, Padre Casares, Os Atlánticos, Matalobos, Era Visto!, Serramoura, Escoba!, O Faro, Casa Manola e Pazo de Familia, que tempada tras tempada enchen a grella da televisión autonómica.
Pero a Galega, como coloquialmente se lle coñece, é moito máis: os seus informativos son seguidos por miles de fogares galegos; os espazos diarios dedicados á información deportiva así como as retransmisións dos deportes con presenza de equipos galegos forman tamén parte substancial da súa oferta. E non nos podemos esquecer de Luar, que dende a súa estrea en setembro do 92, é unha peza fundamental da programación e buque insignia da cadea que continúa emitíndose na noite dos venres con altas cotas de audiencia, emitindo o pasado venres 17 o programa número 1000 da súa historia.
É preciso tamén destacar ao Xabarín Club, o clube infantil que iniciaba a súa emisión ás 18 horas do 18 de abril de 1994, e que se convertería nun fenómeno social. Foi un espazo pioneiro no concepto e que sería posteriormente imitado pola maioría de canles a nivel estatal con diferentes clubes destinados aos cativos. O Xabarín conseguiu espallar a lingua galega polos fogares da nosa comunidade a través da televisión, grazas á dobraxe dos debuxos animados dunha forma exponencial e da man dos máis pequenos; dando nome a toda unha xeración: A xeración do Xabarín. A banda sonora do Xabarín está composta polos grupos máis relevantes do panorama musical galego das últimas dúas décadas, e en torno a el naceu o son bravú. O Xabarín chegou a contar máis de cen mil nenos afiliados nos primeiros anos deste século -a cuarta parte dos cativos galegos do momento- e incluso 800 na provincia de León. Hoxe en día segue vixente o modelo orixinal, adaptándose con éxito ás novas canles de comunicación, pero mantendo a súa esencia.
A importancia da televisión pública galega esténdese a tódolos ámbitos, tanto no social como no laboral, tendo este último especial relevancia por canto o progreso realizado no sector audiovisual. Directores, actores e actrices, produtores, guionistas, técnicos e demais traballadores no audiovisual galego propiciaron o desenvolvemento da industria con gran profesionalidade e que imprime unha gran calidade nas súas producións. Pódese dicir con orgullo que o sector converteuse nunha factoría de talento que ten pegada lonxe de nós.
Por último pero non por isto menos importante, hai que destacar o papel xogado para o impulso e a protección da lingua e da cultura de Galicia.
Parabéns á nosa televisión pública autonómica… e que cumpra moitos máis!