A RESERVA DE 200 ENTRADAS PARA O FESTIVAL DE CANS NA REDE ESGÓTASE EN MENOS DE QUINCE MINUTOS

9 / 05 / 2011

O Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio en Cans (O Porriño), pon á venda esta semana as 800 entradas que dan acceso ás salas nas que se proxectan o sábado 21 de maio as curtametraxes a concurso. As 200 primeiras entradas que se puideron reservar hoxe luns pola mañá na web do festival en packs de entrada + camiseta + chapa rematáronse en menos de 15 minutos. As 600 restantes poranse á venda o venres 13 ás 19h horas no Local Social situado no torreiro de Cans cun prezo de 8 euros por entrada e unha compra máxima de dúas entradas por persoa. Non se admiten reservas para estas entradas e a venda farase en rigorosa orde de chegada.

As entradas dan acceso ás salas nas que se proxectan as curtas de ficción e de animación da selección oficial. Todo o demais é de balde: as actividades do mércores, xoves, venres e sábado pola mañá; os coloquios con Isabel Coixet, Fernando León e Jorge Coira; todos os concertos, incluídos os de El Gran Wyoming e Siniestro Total; e todas as proxeccións fóra de concurso, tanto no Centro Recreativo e Cultural do Porriño, como no Jalpón Friki e a Sala Multiusos. Todo é de acceso libre, menos as proxeccións das curtas a concurso.

 

Deixa o coche no Porriño e sube en bus!

A asociación cultural Arela anuncia, ademais, que os acceso a Cans serán restrinxidos por motivos de seguridade. Durante os días do festival, só poderán acceder a Cans a organización, os vehículos de carga e descarga e os veciños debidamente identificados. Para facilitar o acceso ao público xeral, a organización pon en marcha dun dispositivo de parkings e buses gratuítos.

Ademais dos aparcadoiros gratuítos do Pavillón Polideportivo (xunto ao Instituto Pino Manso) e do restaurante Guanabara (a 5 minutos a pé da Rotonda do Can), o parking COTA 7, situado na Av. de Galicia (O Porriño), terá prezos especiais o venres 20 e o sábado 21 co gallo do Festival de Cans: de 07 a 23 horas por 1,50 euros e de 23 a 07 horas por outros 1,50 euros. 

Do mesmo xeito que o ano pasado, grazas á colaboración con Autocares Igrexas a organización do Festival ofrece un servizo gratuíto de autobuses entre Cans e O Porriño, con paradas na av. de Galicia (xunto ao parking Cota 7), no Pavillón Polideportivo (xunto ao Insituto Pino Manso), no restaurante Guanabara e xunto á rotonda de Cans. Haberá servizo de ida e volta, cada 20 minutos, no seguinte horario: venres 20 de maio, de 20h a 4h; e sábado 21 de maio, de 15h a 20h e de 21h a 4h.

Para chegar a Cans

Autovía das Rías Baixas Vigo – Ourense. Saída 303 Cans

 

Distancias:

De Vigo a 15 minutos

De Ourense a 45 minutos

De Pontevedra a 30 minutos

De Portugal a 15 minutos

De Santiago a 1 hora

Do aeroporto de Peinador (Vigo) a 10 minutos

Do outro Festival de Cannes a 15 horas (en coche, claro…)

 

Fotos do Festival no flickr: http://www.flickr.com/photos/festivaldecans/

 

Categoría: Novas
Etiquetas: