A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase hoxe cun renovado formato de revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. O tema de portada desta publicación dixital é unha reportaxe a fondo que leva por título “Nacidos despois de Sempre Xonxa: A quinta dos millennials renova o audiovisual galego“. Textos de María Yáñez e fotografías de Tamara de la Fuente descobren para o público xeral a 14 creadoras e creadores nacidos a finais do século XX. Anxos Fazáns, Silvia Fuentes, Andrés Goteira, Suso López, Mar Catarina, Adrián Canoura, Jorge Boquete, Óscar Cruz, Laura LaMontagne, Santi Cuquejo, Antón Varela, Charles Rapante, Andrea Villa e Brais Romero contan as súas experiencias de traballo e, con elas, ofrecen unha ollada renovada sobre o audiovisual do país.
Outro tema de portada é a crónica do Encontro que mantiveron hai uns días na Coruña representantes de todas as Academias da península, no que debatiron sobre o presente e o futuro da profesión, sobre a fronteira que separa o cinema e a televisión, o papel da muller e a busca da paridade, a intención compartida de incorporar a mocidade ás institucións do sector e a interconexión entre o audiovisual español e o europeo.
A entrevista destacada desta revista web é a que ofrece Miguel Mariño, que desvela as liñas estratéxicas da nova etapa que inicia como director da Academia. Tamén haberá un lugar para o que está por vir, cun repaso ás rodaxes e estreas de cine e televisión que se esperan para o 2018.
E, por suposto, as crónicas multimedia dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), do encontro “Novos modelos profesionais para o audovisual” que organizou Coruña Dixital en colaboración coa Academia e máis doutras actividades que desenvolveu a AGA neste ano xa case pasado, así como un percorrido polos palmarés dos principais festivais galegos de audiovisual no 2017.
Os Papeis da Academia contan co patrocinio da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña, así como coa colabroación da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo.