A PELÍCULA”RELATOS” INAUGUROU O SÁBADO A COMPETICIÓN DA MOSTRA CINEMATOGRÁFICA TOKYO INTERNATIONAL FILM FESTIVAL, A MÁIS IMPORTANTE DE ASIA

20 / 10 / 2009

O pasado sábado 17 de outubro comezou a 22 edición do Tokyo International Film Festival, a mostra cinematográfica asiática que – segundo di a súa páxina web – aspira  a ser recoñecida como un dos catro festivais más importantes do mundo, na mesma categoría que Cannes, Venecia e Berlín. Na actualidade é un dos doce aprovados oficialmente pola Federación Internacional de Asociaciones de Productores Cinematográficos (FIAPF).

A película galega “RELATOS”, dirixida por Mario Iglesias (Pontevedra, 1962) e producida por Matriuska Producciones, foi precisamente a que abriu a súa Sección Oficial competindo polo “Tokyo Sakura Grand Prix”, entre outras dezaseis películas que forman parte dunha coidada selección de traballos entre debutantes e recoñecidos directores de todo o mundo. O presidente do xurado desta edición é o mexicano Alejandro González Iñárritu, gañador no seu momento do Grande Premio do Festival por Amores Perros.

“RELATOS” (que xa puido verse na sección “Made In Spain” do pasado Festival de San Sebastián) é una historia protagonizada por Rosario, unha tímida escritora e ama de casa de vida convencional, que visita ao psicoterapeuta porque ten episodios de pánico nocturno. Él a enfrenta co feito da súa propia aceptación como escritora. Así, debe arriscarse á opinión dos demais, ensinar o seu traballo a persoas do seu entorno e tentalo con editoriais. Pero polo camiño afloran cuestións como medos, culpas, o descubrimento da expresión da sexualidade na súa relación con persoas fora do matrimonio. Os seus contos reflicten de certo modo estas cousas, pero tamén exploran o mundo que a rodea máis alá dos seus pequenos problemas.

Eses relatos, pequenas historias pegadas á xente común, surcan a película acompañanado en paralelo á propia historia de Rosario. A impiedade dun camareiro cunha mendiga alcohólica, un crápula que quere embaucar a unha xoven cantante, unha intrusa que se planta nunha voda onde non foi convidada, a neta dun home que fusilou aos seus veciños durante a guerra e a súa difícil misión de desagravio, e unha pintora que recibe un estrano encargo dunha nai, son os relatos que configuran un retrato íntimo e moi especial dunha muller e o seu entorno (unha pequena capital de provincias galega) cuxa cotidianeididade e claroscuros gardan un intenso poder de emoción moi recoñecible a pé de rúa.

“RELATOS”, producida por Matriuska Producciones, é a quinta longametraxe como director e guionista de Mario Iglesias (coñecido entre outras por “De Bares”), realizador que se caracteriza por unha linguaxe propia, dun carácter realista e naturalista que se reflicte no filme. Está protagonizada por Concepción González, unha actriz non profesional que realiza unha interpretación deslumbrante, nun debut que contará como aspirante aos premios de interpretación do TIFF.

Completan o reparto  Luis Callejo, Yago Presa, Mariana Carballal, Isabel Rey, Patricia Castro, así como outros actores galegos entre os que tamén figuran alguns non profesionales.

A película foi rodada en Pontevedra, Santiago de Compostela, Ribeira e A Palma o pasado 2008.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: