Canadian Augmented Films, un proxecto para levar o xeoposicionamento e a realidade aumentada á experiencia de consumir cine, é a idea que o National Film Board de Canadá seleccionou como finalista na categoría Next Generation Online Video Experience do certame Content 360º, que se celebra o 14 de abril en Cannes no marco do MIPTV, o máis importante mercado mundial de contidos dixitais e audiovisuais.
Con este proxecto a empresa de comunicación dixital A Navalla Suíza competirá coa londinense Collective e a norteamericana IdeaCloud nun pitching no que os finalistas das distintas categorías terán que defender a súa idea diante do público e dun xurado composto por expertos de todo o mundo. O gañador asinará un contrato co National Film Board para desenvolver o proxecto seleccionado.
Augmented Films é unha aplicación para móbiles e para a web cun obxectivo moi sinxelo: relacionar a xente coas películas, porque a xente precisa películas, e precísanas nun tempo e espazo particular. Nas súas vidas reais. A aplicación leva a realidade aumentada ao mundo do cinema, relacionando o edificio que visitamos, a praza onde tomamos un café, ou a parada onde esperamos o bus, cos filmes rodados alí. Conséguese así unha nova maneira de achegarnos á experiencia cinematográfica, cunha participación máis activa e unha implicación emocional que atraia a novos públicos a través da conexión das películas co mundo real no que nos movemos.
A Navalla Suíza é unha empresa de comunicación dixital creada no 2008 en Santiago de Compostela por Berto Yáñez, Xabier Cid, Óscar Otero, Álvaro Gómez e María Yáñez. Entre os seus traballos realizados ata hoxe destaca Flocos.TV, o cineclube do audiovisual galego, unha plataforma web que ofrece máis de 350 filmes feitos en Galicia e que conta con máis de 1800 usuarios.