- O programa está composto polas longametraxes A illa das mentiras, Ons, Arima e Lúa Vermella, que suman 36 candidaturas finalistas nos XIX Mestre Mateo
- A actriz e presentadora María Mera será a anfitrioa de #Diarioderodaxe, coloquios cos equipos técnicos e artísticos das películas, que tamén se poderán seguir en streaming
O Teatro Colón da Coruña acollerá a II Semana do Cinema Galego do 25 o 28 de marzo. Unha iniciativa, cuxa entrada será de balde, na que se proxectarán as catro finalistas na categoría de Mejor Longametraxe da XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que suman en total 36 candidaturas finalistas.
Como novidade este ano, a actriz María Mera será a anfitrioa de #Diarioderodaxe, catro coloquios cos equipos técnicos e artísticos das películas finalistas que terán lugar antes das proxeccións, afondando nos procesos de traballo que conflúen na creación dunha obra audiovisual e detallando anécdotas e curiosidades sobre o que sucede detrás das cámaras. Os coloquios poderán ser seguidos en directo polo público asistente e tamén en streaming a través das redes sociais da Academia.
As invitacións poderán descargarse na web do Teatro Colón a partir do sábado 13 de marzo ás 10:00 horas. Os días de función, dúas horas antes do inicio da mesma, poderán retirarse tamén na taquilla do Teatro Colón.
Programación II Semana do Cinema Galego
Xoves 25 de marzo, 19:00 horas.
A illa das mentiras (Paula Cons, 2020)
A noite do 2 de xaneiro de 1921 o vapor Santa Isabel cargado con 269 persoas choca contra as rochas da Illa de Sálvora. O fareiro escoita os berros e acode correndo á aldea para pedir axuda. Esa noite non hai homes e a esperanza de salvarse para os pasaxeiros está nas mulleres, vellos e nenos que hai no lugar. O naufraxio do vapor non só se leva por diante a vida de 213 persoas senon tamén a tranquilidade e calma da comunidade.
12 candidaturas finalistas nos XIX Mestre Mateo
Venres 26 de marzo, 19:00 horas.
Ons (Alfonso Zarauza, 2020)
Mariña é unha illa emocional, un ser illado na procura dun faro que a guíe no escuro. Cando non atopa esa luz séntese perdida, chea de baleiro e de medo á soidade. É na relación con Vicente onde Mariña se aferra como única táboa de salvación. Pero de achegarse excesivamente a el podería acabar por encallar e afundir. É o paradoxo do faro. As crebas dun naufraxio. O misterio de Ons.
13 candidaturas finalistas nos XIX Mestre Mateo
Sábado 27 de marzo, 19:00 horas.
Arima (Jaione Camborda, 2019)
Arima é aquilo que ves a través da néboa, aquilo que intúes, pero que non consegues ver con claridade. Un soño, un recordo, un desexo. A vida de catro mulleres e unha nena vese alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida das mulleres.
7 candidaturas finalistas nos XIX Mestre Mateo
Domingo 28 de marzo, 19:00 horas.
Lua vermella (Lois Patiño, 2020)
Nunha vila da costa galega o tempo parece terse detido. Tódalas persoas están paralizadas aínda que se poden oír as súas voces: falan de pantasmas, de meigas, de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres buscando ao Rubio, un mariñeiro da vila que desapareceu no mar.
4 candidaturas finalistas nos XIX Mestre Mateo
Actividade organizada en colaboración co Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Teatro Colón.