A Flor Máis Grande do Mundo foi galardoada con dous premios e O Soldadiño de Chumbo levou outro galardón na gala de clausura dofestival catalán que tivo lugar o pasado sábado en Badalona. A produtora executiva de ambas curtametraxes de animación, Chelo Loureiro, recolleu o pasado fin de semana, os tres premios que obtiveron as producións da división de animación de Continental neste recoñecido festival que celebraba a súa 35 edición, e no que participaron obras procedentes de 55 países. Tanto O Soldadiño de Chumbo, adaptación do conto H. C. Andersen dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde, como A Flor Máis Grande do Mundo de José Saramago dirixida por Juan Pablo Etcheverry, fixéronse na noite do sábado, ex aquo, co Premio FNAC á Mellor Curtametraxe Española por votación do público infantil.
Ademais, a banda sonora da Flor máis Grande do Mundo que compuxo Emilio Aragón foi merecidamente recoñecida ao levar o Premio Amigos da Música de Badalona á Mellor Música Orixinal.
Con estes recoñecementos, A Flor Máis Grande do Mundo, nomeada en 2008 á Mellor Curtametraxe de Animación nos Goya, suma outro gran éxito no seu percorrido por festivais que inclúen outros como; Premios Mestre Mateo, Tokyo Global Environmental Film Festival, Anchorage International Film Festival ou o Festival Internacional de Cine Ecolóxico e da Natureza de Canarias.