A Federación de Cineclubes de Galicia, Premio Especial “José Sellier” da AGA

22 / 02 / 2019

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. O presidente da FECIGA, Manuel Precedo, recolleu o galardón no Encontro de Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo que se celebrou no Palexco da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías, a directora da gala -Sonia Méndez-, e numerosas autoridades.Con este premio, a Academia quere poñer en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”. A AGA salienta que no ámbito dos cineclubes, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadores receptivos e críticos co cinema.A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc.

87E1D326-8EC5-4332-A57A-E2809546C5BB

Historia da Federación de Cineclubes de Galicia

Durante a década dos setenta producíronse varios intentos de constituír unha Federación dos Cineclubes de Galicia. O máis relevante foi en 1977 cos cineclubes «Padre Feijoo» (Ourense), Pontevedra e «Valle-Inclán» (Lugo), entre outros. Foi en 1983 cando, nas «IX Semán de Cine do Carballiño» (I Xociviga), se acordou poñer as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na «I Semana de Cine de Vilagarcía» como Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego.

Desde entón, a FECIGA formalizou acordos cos cineclubes de Portugal, como a creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista, e desenvolveu, entre outras actividades, os ciclos Clásicos do cine americano (1984), Clásicos do cine europeo (1985), ciclo grandes obras do cine (1987), Vive cine Galego (1988, 1989 e 1990), e organizou varias edicións do certame de escritos sobre a historia da Galicia cinematográfica (desde 1986) e un Curso de Cine de Animación (1989).

A Federación de Cineclubes de Galicia «FECIGA» pertence á Confederación de Cineclubes do Estado Español e á Fédération Internationale des Ciné-Clubs (FICC). Como membro desta última ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quixote, que se outorga en diversos festivais internacionais, como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.

Etiquetas: