A revista A Cuarta Parede, X Premio José Sellier

24 / 11 / 2021

  • A Academia Galega do Audiovisual premia á primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica
  • O galardón será entregado no antigo Cine Valle Inclán da Coruña o mércores 1 de decembro

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle á revista A Cuarta Parede o Premio Especial José Sellier, que celebra, este ano, a súa décima edición. O acto de entrega do galardón terá lugar no antigo Cine Valle Inclán da Coruña o mércores 1 de decembro nun evento conducido pola xornalista María Solar, onde tamén se presentará o novo trofeo, deseñado polo artesán Teodoro Castro para conmemorar este décimo aniversario.

O director da publicación, Jesús Silva definiu como “marabillosa coinciencia que o décimo aniversario do premio coincida co décimo aniversario da revista” e manifestou o seu “orgullo” por recibir un premio “botando unha ollada ás iniciativas que o recibiron antes que nos, moitas delas amigas ou que seguimos activamente. É certo que somos o primeiro medio de comunicación e iso é un orgullo engadido”. 

Fundada en 2011 por Eloy Domínguez e Víctor Paz, A Cuarta Parede é a primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica, con máis dun milleiro de artigos publicados, e unha rede de colaboradores de máis de 150 persoas. 

Xurdida case ao mesmo tempo que o fenómeno que se deu en chamar Novo Cinema Galego, a publicación contribuiu a visibilizar o traballo dos cineastas galegos que estiveron activos no circuíto de festivais durante a última década. O director da publicación considera que “sempre foi parte da nosa esencia dar espazo ao cinema que se fai aquí, acompañando aos filmes, incluso cando esta etiqueta non era tan recoñecida no ámbito internacional. Penso que foi unha viaxe conxunta, e agardamos que siga sendo así”.

“Sempre foi parte da nosa esencia dar espazo ao cinema que se fai aquí, acompañando aos filmes, incluso cando esta etiqueta non era tan recoñecida no ámbito internacional”.

Jesús Silva, director de A Cuarta Parede

Ademais dos artigos publicados, a revista puxo en marcha outras iniciativas como seminarios da crítica; o proxecto colectivo Cinegalicia 2019; é a primeira revista con canle propia na plataforma Filmin e produciu a serie #Procesos, con entrevistas en profundidade a creadoras e creadores galegos.

Para o seu director, despois dunha década “A Cuarta Parede segue a ser un proxecto vivo que mantén as ideas fundacionais: ser un espazo aberto, que acolla a novas voces, e ter moi claro o lugar que ocupamos. Somos un medio que nunca loitou por ter a exclusividade nin ser os máis rápidos, senón por aportar un espazo de reflexión, xerar pezas atemporais e poder ir creando un arquivo”. Preguntado polos obxectivos de futuro da revista, considera que deberían ser “saber quen somos, onde estamos, seguir acollendo a todo o mundo que desexe participar e, sobre todo, manternos relevantes: isto é un proxecto militante e son ten sentido no momento en que é útil para alguen, tanto para a xente que escribe como para a xente que le”. 

“Isto é un proxecto militante e son ten sentido no momento en que é útil para alguen, tanto para a xente que escribe como para a xente que le”.

Jesús Silva, director de A Cuarta Parede

O nome de A Cuarta Parede únese este ano ao doutras iniciativas como o Festival Audiovisual Escolar Olloboi, a Federación de Cineclubes de Galicia, Multicines Norte, o Programa En Xogo de TVG, Numax, o Equipo de Cine Imaxe, a Escola de Imaxe e Son da Coruña, os Cineclubes de Pontevedra e Ángel Luís Hueso – Departamento de cine da USC, galardoadas nas anteriores edicións.

A Academia Galega do Audiovisual outorga o premio especial José Sellier como recoñecemento a iniciativas salientables para o sector audiovisual galego. Debe o seu nome ao pioneiro do cinema Jose Sellier Loup, quen, en maio de 1897 filmou con cámara Lumière as pezas Orzán, oleaxe; Praza de Mina e Fábrica de Gas.   

Categoría: Novas
Etiquetas: