A CRUZ VERMELLA ACOLLEU A PRESENTACIÓN DE “OS HOMELESS INVISIBLES”, DE IBISATV E TVG

18 / 12 / 2007

O programa “Os homeless invisibles” é un documental de IBISAtv e TVG sobre as persoas sen fogar e retrata a vida de xente anónima, que vive preto de nós cada día e semellan ser invisibles. O acto de presentación contou coa presenza do coordinador da Cruz Roja, Fidel Martín, a Asociación Teenses pola Igualdade, Cáritas Diocesana, representantes da Cociña Económica e da Obra Social de Caja Madrid e o Padre Rubiá do Centro Xoán XXIII.
IBISAtv presentou na Cruz Roja de Santiago de Compostela o documental realizado en coprodución coa TVG, “Nas mellores familias: os homeless invisibles”, unha reflexión realista e sen concesións sobre as vidas de persoas anónimas, maltratadas polo destino, que viven moi preto de nós día a día e, sen embargo, parecen ser invisibles aos nosos ollos.

O documental, que foi rodado este ano en Santiago, será emitido por TVG no ano 2008, no espazo “Galicia documental”, e reflexa as vidas dunha ducia de protagonistas, os “sen teito” da cidade, xente anónima que non vemos e que pasan ao noso carón a diario.

Nestas datas próximas ó Nadal, nas que a solidariedade está máis presente na sociedade, IBISAtv estrea esta peza realista como un xeito de compartir eses crueis relatos autobiográficos, no que os seus protagonistas (acaso procedentes de “as mellores familias”…), falan en primeira persoa de cómo chegaron a súa situación, razóns que moitas veces nos resultan familiares: unha mala xogada da vida, unha decisión equivocada… pode levar a persoas normais a vivir na rúa.

Persoas como Leo de Esteiro, Ricardo de Granada, Salvador de Ponferrada, José Luís de Noia, Ángel de A Coruña ou Xosé de Portugal. Voces da rúa con inquedanzas e opinións, como calquera de nós. Descoñecidos que levan nalgún caso incluso trinta anos vivindo na rúa, sobrevivindo coa axuda duns poucos e loitando por saír adiante.

A vida na rúa faise máis sinxela grazas a asociacións que axudan a estas persoas como Cáritas Diocesana, a Cruz Vermella, a Cociña Económica…, entre outras institucións, que tamén aparecen reflexadas no programa.

Categoría: Novas
Etiquetas: