Con motivo da celebración do Día das persoas sen fogar 2008 e baixo o lema “No tener hogar significa mucho más que estar sin techo”, a Cruz Roja de Santiago proxectou onte domingo na Fundación Caixa Galicia o documental realizado por IBISAtv en coprodución coa TVG, “Nas mellores familias: os homeless invisibles”, unha reflexión realista e sen concesións sobre as vidas de persoas anónimas, maltratadas polo destino, que viven moi preto de nos día a día e, sen embargo, parecen ser invisibles aos nosos ollos.
O documental, que foi rodado este ano en Santiago, foi emitido por TVG no ano 2008, no espazo “Galicia documental”, e reflexa as vidas dunha ducia de protagonistas, os “sen teito” da cidade, xente anónima que non vemos e que pasan o noso carón a diario.
“Os homeless invisibles” é un xeito de compartir eses crueis relatos autobiográficos, no que os seus protagonistas (acaso procedentes de “as mellores familias”…), falan en primeira persoa de cómo chegaron a súa situación, razóns que moitas veces nos resultan familiares: unha mala xogada da vida, unha decisión equivocada… pode levar a persoas normais a vivir na rúa.
Persoas como Leo de Esteiro, Ricardo de Granada, Salvador de Ponferrada, José Luís de Noia, Ángel de A Coruña ou Xosé de Portugal. Voces da rúa con inquedanzas e opinións, como calquera de nós. Descoñecidos que levan nalgún caso incluso trinta anos vivindo na rúa, sobrevivindo coa axuda duns poucos e loitando por saír adiante.
A vida na rúa faise máis sinxela grazas a asociacións que axudan a estas persoas como Cáritas Diocesana, a Cruz Vermella, a Cociña Económica…, entre outras institucións, que tamén aparecen reflexadas no programa.