A COPRODUCIÓN INTERNACIONAL DE PRODUTOS PARA TELEVIVISIÓN A DEBATE NO CICA

11 / 06 / 2009

Paco Poch, produtor de Mallerich Films, abordará en CICA, o próximo venres 12 de xuño, a coprodución internacional de produtos para televisión. Fará un análise de cada un dos apartados que interveñen nun acordo de coprodución para a explotación dunha obra televisiva, entre os que se atopa a duración do contrato, as condicións de colaboración, as obrigas de cada unha das partes e a comercialización da obra.

Poch produciu diversas longametraxes e documentais televisivos, como La Leyenda del Tiempo e Cravan vs Cravan, de Isaki Lacuesta, Innisfree, de José Luís Guerin, Gaudí, de Manuel Huerga e Durruti (coproductor), de Jean Louis Commolli e exerceu de manager cultural en diferentes campos.

Na actualidade é produtor de cine e televisión de Mallerich Films e management cultural e consulting de FIPA (Festival Internacional de Programes Audiovisuals en Biarritz), Pierre Cardin e do Festival Europeo Memorimage (consello asesor).

Mallerich Films é unha produtora cinematográfica e televisiva catalá, propiedade de Paco Poch. Entre os títulos desta compañía se atopan as longametraxes La Campanada, de Jaime Camino e Navajeros, de Eloy de la Iglesia, e a tv movie Tempus Fugit, de Enric Folch.

O sábado, Julieta Videla, encargada do departamento de post-venta do Grupo Vértice 360º (Manga-Films e Notro Films), falará aos alumnos dos distintos materiais e o seguimento postventa das películas, ademais das técnicas de posprodución como o subtitulado e as dobraxes.

Videla traballou durante seis anos como encargada de compras internacionais en Fujifilm-Ultra Vision S.R.L. –distribuidor de Fujifilm en Arxentina, Perú, Ecuador, Colombia e Uruguay–. Desde hai dous anos leva a pos-venta de ventas internacionais e é responsable do departamento de tráfico de materiais e servizos tanto en Manga Films como en Notro Films-Barcelona.

Manga Films é unha distribuidora española independente nacida en 1993. Nun primeiro momento apostou por introducir a animación xaponesa no noso mercado con Dragon Ball como éxito máis emblemático. Na actualidade conta cunha facturación superior a 46 millóns de euros e posúe un catálogo con máis de 3.200 títulos películas como Traffic e Gangs of New York, e series como Teletubbies e Dragon Ball.

Entre os últimos traballos desta compañía está a distribución da versión en alta definición do documental Tiburón, en las garras del hombre, editada por Notro Films (empresa distribuidora e produtora de cine, vídeo e televisión).

 

Categoría: Novas
Etiquetas: