Os directivos da empresa ‘Aguamarga Gestión de Estudios S.L.’, que xestiona o complexo cinematográfico ‘Cidade da Luz’, consideran ao CLAG un socio idóneo para promover posibilidades de alianzas empresariais estratéxicas e desenvolver múltiples opcións de negocio. Así se puxo de manifesto esta mañá, por parte do director xeral de ‘Aguamarga’, Jose Luis Román, no trascurso da xuntanza celebrada en Santiago, organizada polo CLAG, co obxectivo de que as empresas asociadas coñecesen de primeira man as máis recentes infraestruturas da Cidade da Luz e avaliar posibles colaboracións.
Coñecedor da dinamización que o CLAG está imprimindo ao sector audiovisual en Galicia, o director xeral de ‘Aguamarga’ reiterou a súa “oferta de colaboración” ao CLAG, xa que segundo argumentou “tratase de entidades complementarias das que poden xurdir posibles alianzas, desenvolvemento de novos produtos e oportunidades de negocio”.
A xuntanza de hoxe, presidida polo titular do CLAG, Antón Reixa, representa a segunda parte dos primeiros contactos establecidos a comezos do pasado ano, durante unha visita dos responsables do CLAG á Cidade da Luz. Pero neste tempo trascurrido, son numerosas as ampliacións acometidas e os novos servizos incorporados ao complexo. Como resumo, os directivos de ‘Aguamarga’ destacaron a disponibilidade de seis grandes platós, con edificio de apoio á produción, que se complementa con outros platós de menores dimensións. Amaís, dispón dunha ampla zona de rodaxe en exteriores, na que se rodou practicamente na súa totalidade a película “Asterix e Obelix”.
Operativa dende 2005, a Cidade da Luz é un complexo cinematográfico situado en Alicante, preto do aeroporto, concebido como un proxecto persoal do director Luis García Berlanga, coa finalidade de ser “un gran centro audiovisual para acometer producións de calquera natureza’ segundo explicou Jose Luis Román. Localizada nunha zona xeográfica de 300 ha., con grandes posibilidades de expansión futura, a Cidade da Luz permite levar a cabo plans de rodaxe moi sincronizados e operativos, segundo os seus responsables, co incentivo dunha política de subvencións moi competitiva da Generalitat Valenciana, que pode oscilar entre o 16 e o 20% do investimento.
O ‘water tank’ máis grande do mundo para gravacións acuáticas
Entre os proxectos máis inminentes, as instalacións contarán en breve cun ‘water tank’, un recinto inundable para gravacións de escenas acuáticas, de 8.500 metros cuadrados, que será o máis grande do mundo.
Para completar a axenda de traballo, o CLAG acompañou onte aos directivos de ‘Aguamarga’ a visitar algúns dos centros de produción máis relevantes de Galicia, asociados ao Clúster, como as instalacións de TVG en San Marcos, e CTV Servizos Audiovisuais, en Montouto.
Crecentia presenta os seus obxectivos ao CLAG
Con anterioridade á sesión sobre a Cidade da Luz, os socios do CLAG asistiron esta mañá a unha reunión de presentación da sociedade de inversión ‘Crecentia Galicia’, da que forman parte Caixanova, Gaixa Galicia e o Banco Pastor. Esta xuntanza obedeceu ao interese de ‘Crecentia’ de dar a coñecer aos empresarios do sector audiovisual os seus obxectivos de investir en proxectos innovadores, en todos os sectores da actividade económica, obxectivos que foron expostos polo director xeral de ‘Crecentia Galicia’, César Santos Mejía.