- O festival celebra este ano a súa décima edición, fiel ao obxectivo de “promover que o cine galego chegue ás aulas e que a rapazada cree. A ser posible, en galego”.
- O galardón será entregado no Encontro de Finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo que se celebrará este venres na Coruña.
A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle ao festival de cinema escolar Olloboi o Premio Especial José Sellier, que cada ano recoñece o labor de iniciativas salientables no sector audiovisual. Con este premio, a Academia quere premiar ao festival boirense “por utilizar o cinema como ferramenta transversal para a educación en valores, a promoción da cultura e o idioma galegos entre a xuventude e visibilizar un compromiso ambiental e social co entorno”. A Academia salienta o esforzo levado a cabo desde Ollbotoi “por difundir o audiovisual galego entre a xuventude a través das creadoras e creadores e permitir que o talento dos nosos artistas faga canteira” e “por poñer en valor e fomentar o espíritu crítico e a visión persoal do alumnado a través do audiovisual”.
A Asociación Cultural Olloboi naceu do traballo dun grupo de docentes asentados no Barbanza desde o ano 2009, ao que se lle foi engadindo xente de fóra do ámbito educativo. Constituídos como asociación, organizan anualmente o festival de cine escolar Olloboi, co obxectivo de “promover que o cine galego chegue ás aulas e que a rapazada cree. A ser posible, en galego”. Un equipo multidisciplinar e diverso baseado no traballo colaborativo, no que as catro persoas que forman o equipo de dirección asumen diversas tarefas: Lolo Garrido e Susana Diz asumen a parte de deseño, Petro Álvarez coordina a admisión de vídeos e supervisa os contidos e Ana Moreiras coordina, comunica e produce. Ademáis, Yaiza Vicente e Javi Paz encárganse de xestionar a parte informática e de redes e Sara Hermo colabora en traballos de produción e realización.
Unha vez constituídos como asociación, algúns dos seus integrantes empezaron a formarse sobre a creación de audiovisual nas aulas, para, a continuación, pasar a organizar o festival. “O obxectivo era o de recoñecer traballos de alumnado de toda Galicia. A pesar de que o currículo contempla este ensino na materia de Plástica, na realidade non se dá na maioría dos centros, en parte por falta de formación do profesorado. Pensamos en estimular e visibilizar as producións que se facían cada ano, e axiña comprendimos que esa necesidade existía e que a través do festival estábamos a crear comunidade”.
O nome de Olloboi xorde da unión de dous conceptos: o ollo, unha alusión directa á visión, ás lentes e por outra Boi, en referencia a Boiro, o municipio do Barbanza que acolle cada ano o festival.
A iniciativa estableceu fortes vínculos coa cultura galega, o tecido social do Barbanza e a canteira do audiovisual, coa publicación na web do festival de vídeos educativos nos que participan os chamados “cómplices” do sector, entre os que se atopan Miguel de Lira, Alfonso Zarauza, Jaione Camborda, Enrique Otero, Sandra Montes, Giselle Llanio, Jorge Coira, Sandra Sánchez, Luís Avilés, Ana Cermeño, Morris, Araceli Gonda, Xosé Castro e Andrés Mahía, Lucía C. Pan e Alberte Branco, Quico Cadaval, Mónica García, Ángel Amaro, Fany Bello, David Machado, Carlos Ares ou Beli Martínez.
En 2020 o festival celebrará a súa décima edición, na que a rapazada, o profesorado e os profesionais do sector participarán nas proxeccións, o cinede guerrinllaa coa colaboración de cineastas e a cidadanía de Boiro (Muchachada 4×4) e unha entrega de premios nos Asteleiros Triñanes.