A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL REXEITA FRONTALMENTE A SUBA DUN 150% NO IVE QUE PON AO SECTOR AO BORDE DA QUEBRA

20 / 07 / 2012

A Academia Galega do Audiovisual, como asociación que aglutina aos profesionais do sector audiovisual galego, quere manifestar o seu total desacordo coas medidas adoptadas polo goberno español en relación co sector da cultura e máis concretamente coa subida do IVE, a máis dura da Unión Europea dentro do ámbito da cultura.



O cine, o teatro, a televisión dixital, a arte etc.., a cultura en xeral, non pode asumir unha subida de 13 puntos no IVE (do 8% ao 21%, é dicir un 150%), entre outras medidas, e non servirá para que o Estado recade máis fondos porque a demanda diminuirá fortemente provocando a destrución de postos de traballo, peche de empresas e o aumento do xa de por si grave  problema das descargas ilegais.

Cando entre en vigor esta medida pasaremos a ter o IVE máis alto no cine en toda a Unión Europea e a moitísima distancia do segundo que é Portugal co 13%, Italia e Austria o 10% . O resto de países xa quedan por debaixo dese 10%. Isto, na práctica, será matar ao cine e ás salas. Nos últimos anos vemos como cada vez van quedando menos cines e os que quedan ven, ano tras ano, reducidos os seus ingresos polo efecto da piratería. Sabendo todo isto é bastante obvio que esta suba do imposto, que triplica o actual, será o “toque de gracia” para o sector. Suporá menos ingresos para o Estado –ao contrario do que pretende a medida- e milleiros de persoas máis nas colas do paro.

Sen deixar de ser solidarios cos outros sector produtivos que se atopan na mesma situación,  debemos recordar que a cultura supón o 4% do PIB do estado español e de que máis de 150.000 persoas traballan nesta industria que ademais é un escaparate de España no mundo.

O acceso á cultura é un dereito de todos os cidadáns que nos axuda a medrar como persoas e como pobo, e ao mesmo tempo fai avanzar á sociedade cara a liberdade e o progreso.

Dende a Academia Galega do Audiovisual pedimos ao goberno que ante a precipitación e a imposición impere o diálogo. Outras políticas son posibles sen que conleven unha perda de dereitos sociais e empobrecemento global da sociedade e do sector.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: