A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PON EN MARCHA O II CONGRESO GALEGO DO AUIOVISUAL

13 / 05 / 2004

Hoxe mércores, 28 de xaneiro, presidido por Manolo Gómez como Presidente da A.G.A., quedou constituído o Comité Organizador do “II Congreso Galego do Audiovisual”, que terá lugar os días 9, 10 e 11 de decembro en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos), e no que se traballará co fin de que nel participen, ademais da totalidade do sector audiovisual en Galicia, todos aqueles sectores que indirectamente forman parte del, dende a cultura, a industria, as Universidades e demais institucións vencelladas á industria audiovisual e ó seu motor creativo.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PON EN MARCHA O
“II CONGRESO GALEGO DO AUDIOVISUAL”

Manolo Gómez preside o Comité Organizador deste evento que supón a gran cita do sector audiovisual galego

Hoxe mércores, 28 de xaneiro, quedou constituído o Comité Organizador do “II Congreso Galego do Audiovisual”, que terá lugar os días 9, 10 e 11 de decembro en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos), e no que se traballará co fin de que nel participen, ademais da totalidade do sector audiovisual en Galicia, todos aqueles sectores que indirectamente forman parte del, dende a cultura, a industria, as Universidades e demais institucións vencelladas á industria audiovisual e ó seu motor creativo.

Por iniciativa do Consorcio do Audiovisual Galego, a Academia Galega do Audiovisual pon en marcha deste xeito, a maquinaria que permita organizar este imporante evento, dotándoa dos instrumentos axeitados para desenvolve-las actuacións que conduzan á execución deste transcendental congreso. A elección de Santiago de Compostela como marco para a celebración do mesmo, ven dado pola importante coincidencia de celebrarmos este ano o Xacobeo 2004, feito que supón un valor engadido á celebración do mesmo.

O recén constituído Comité Organizador, elixíu hoxe ó Comité Executivo que, á súa vez, proporá a creación dun Comité de Programa, ámbolos dependentes do Cté. Organizador, que planeará dende a temática específica a tratar polos distintos relatores (formación, a irrupción das novas tecnoloxías, o papel do audiovisual no tecido social e cultural galego, a interacción no audiovisual, a televisión dixital terrestre…), ata a loxística e toda a infraestructura que forma parte da organización do Congreso. O Comité Executivo está integrado polas persoas que, formando parte do Comité Organizador, se indican no cadro adxunto.

Por outra banda, con esta celebración téntase tamén consolida-las relacións exitentes no sector co veciño país de Portugal, dada a proximidade xeográfica, histórica, social, económica e cultural, así como enriquecernos en Galicia coas experiencias que nos acheguen os representantes do audiovisual do resto de España e de Europa, tema este que –a xuízo do Comité Organizdor- resulta de fundamental importancia tendo en conta a situación actual do audiovisual galego.

O “II Congreso Galego do Audiovisual” ten como Presidente de Honor ó Excmo. Sr. D. Manuel Fraga, Presidente da Xunta de Galicia. O Presidente do mesmo será o Excmo. Sr. Conselleiro de Cultura, Turismo e Comunicación Social, D. Xesús Varela. Pola súa parte, é o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Manolo Gómez o que ocupa a Presidencia do Comité Organizador deste importante evento. (A totalidade dos membros do Comité son os que se indican no documento adxunto a esta nota).

A situación actual que vive o sector audiovisual en Galicia, demanda medidas externas de actuación conducentes á consolidación e potenciación do sector como industria, como un dos sectores estratéxicos e prioritarios na economía galega. Un sector, o audiovisual, no que a cultura está directamente implicada, toda vez que este sector retroaliméntase dos axentes culturais ó tempo que o seu producto final, forma parte tamén da nosa cultura e incide considerablemente na conformación social (actitudes, conductas, comportamentos…). Velaí algunhas das razóns que avalian a necesidade de acometer actuacións que deriven no arraigamento da industria audiovisual en Galicia. Pero ademais, non podemos esquecer que unha parte importante do labor do sector audiovisual forma parte do servicio público que os medios de comunicación audiovisuais exercen, e daí a necesidade aínda maior de introducir, desenvolver, debater e concluír no seo interno do sector, aqueles aspectos que enriquecen e perfilan o labor intrínseco da industria audiovisual na súa máis ampla expresión. Este amplo debate, segundo considerou hoxe o recén constituído Comité Organizador, terá proxección á sociedade a través dos medios que se consideren oportunos ó efecto (proxección audiovisual, retransmisión…). Considerou tamén importante este Comité que o Congreso permita non só a aprendizaxe, senón tamén o contacto e o intercambio do sector en Galicia co que estea representando ó resto de Europa.

A este fondo debate, análise e estudio que suporá o Congreso en decembro, non é alleo o mundo financeiro, nin o universitario, nin o industrial no seu máis amplo sentido, nin todos aqueles que contribúen coa súa achega a facer posible a proxección social, económica e cultural do sector audiovisual galego, ben como demandantes (caso do sector industrial en si) ou ben como ofertantes. Ó compromiso de perfilar, deseñar, concretar camiños que consoliden o sector, deben estar adheridos tamén esoutros sectores económicos, culturais e sociais do país, toda vez que a boa saúde integral do sector, será reflexo da boa saúde da nosa sociedade na súa máis ampla acepción.

Coa celebración deste Congreso, preténdese pois dotar dun maior peso específico ó sector audiovisual, tanto exteriormente –a súa proxección social- como internamente, na medida en que é o propio sector o que unificará os criterios de actuación, deseñará intereses, concretará actuacións conxuntas que, sen lugar a dúbidas, permitirán a consolidación interna do sector co peso específico que lle corresponde, tanto no eido económico, como no cultural e social.

“Cómo nos vemos, cómo nos ven, cómo queremos que nos vexan…; qué papel desenvolvemos na sociedade galega; qué rol debemos desempeñar no tecido industrial e social galegos; cáles deben se-las nosas sinais de identidade; cómo nos proxectamos ó exterior no camiño de fomenta-la nosa riqueza económica; cultural e social…; cómo debe se-la formación, cómo nos adaptamos á realidade tecnolóxica que impera no mundo…”, e centos de preguntas máis, sairán á luz no “II Congreso Galego do Audiovisual”. Unhas respostas que han de ser producto do debate interno, das achegas, da asimilación e extrapolación a Galicia das experiencias máis vangardistas doutros países europeos que estarán presentes no evento, das contribucións que tódolos sectores que dun ou doutro xeito participan do sector audiovisual en Galicia, realizarán nese importante evento que se celebrará no derradeiro mes do 2004.

Categoría: Novas
Etiquetas: