O Pazo da Cultura de Narón acolleu esta noite a gran festa do audiovisual galego que cada ano se celebra con motivo da entrega dos Premios Mestre Mateo que outorga a Academia Galega do Audiovisual en recoñecemento aos profesionais e producións do país. Como vén sendo habitual, nesta oitava edición reuníronse autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, principalmente, asociacións e profesionais do sector.
Entre as personalidades que asistiron á celebración atopábanse o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela; o Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; o Alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco; o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, así como representantes do sector audiovisual, entre os que estaban a Directora da TVG, Rosa María Vilas; Vicente Montoto, Presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Dolores Ben, Presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e o actor Christian Rodrigo en representación da Acadèmia del Cinema Catalá.
A velada comezou coa benvida do presentador Xosé Antón Touriñán, quen sinalou os motivos de celebración do audiovisual galego neste 2010, entre os que destacou o aniversario dos vinte e cinco anos da Televisión de Galicia. A noite estivo salpicada de alusións á actualidade galega en clave de humor, dende a crise económica ata o Xacobeo. O propio Touriñán ironizou sobre a súa fichaxe como condutor do evento e vinculouno ao precario contexto económico.
Xosé Ramón Gayoso participou como co-presentador da cerimonia, primeiro intervindo dun xeito virtual a través dunha gran pantalla e aportando a voz en off que deu continuidade á velada, e noutros momentos coa súa presencia real no escenario. A apertura dos sobres cos nomes dos premiados dos PMM 09 estivo a cargo dos profesionais Monti Castiñeiras, Belén Regueira, Sonia López, Luis Zahera, Patricia Vázquez, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Benigno Campos, Luis Iglesia, Sonia Castelo, Víctor Fábregas, Marcos Pereiro, Isabel Blanco e Xosé Ramón Gayoso. No transcurso da gala tamén houbo espazo para a música en directo, coa intervención de Tony Lomba & Elio do Santos.
Cando chegou o momento da homenaxe á TVG, a retranca volveu estar presente nos primeiros segundos do vídeo resumo dos vinte e cinco anos de vida da canle, nos que Gayoso figuraba como único protagonista. De seguido, o propio Gayoso subiu ao escenario para dar paso ao verdadeiro audiovisual preparado para a ocasión, así como para adicar unhas palabras ao longo percorrido da canle dende 1985.
O presentador lembrou a importancia que supuxo e supón ter unha canle de televisión en Galicia e en galego. Remitiuse aos inicios, cando o público aínda non estaba afeito a escoitar falar a John Wayne e outros actores, na súa lingua; pero tamén falou do presente en Galicia, onde xa hai máis dunha xeración á que lle soa ‘raro’ escoitar as series de debuxos animados nunha lingua distinta á do país.
Precisamente, o galardoado da noite co Premio de Honra Fernando Rey 2009, o director de fotografía e realizador Enrique Banet, forma tamén parte da historia da Televisión de Galicia. Banet recibiu a estatuiña da man de Antón Mourelos e Iván Seoane tralo visionado das imaxes que recolleron a súa traxectoria profesional.Noutro momento da cerimonia, Pepe Coira, Vicepresidente da AGA, falou en representación do Presidente, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, que este ano non puido asistir á gala por razóns profesionais. Coira referiuse ás dificultades que o sector está a experimentar pola crise, que coinciden nun momento de éxito e recoñecemento das producións galegas a nivel nacional e internacional.
Por outra banda, lembrou que, alén das controversias que se adoitan producir en torno ao audiovisual, é este un sector ao servizo da sociedade. O Vicepresidente avogou por que, á hora de abordar as cuestións que atinxen ao sector, non se esqueza a necesidade de que Galicia teña unha voz propia.
Este ano a gala foi dirixida por Andrés Mahía, coautor do guión xunto con Xosé Castro ‘Pato’, e foi retransmitida en Prime Time pola TVG. Repartíronse en total vinte e nove estatuiñas, ademais do Premio de Honra Fernando Rey.
O evento tivo como patrocinadores á Secretaría Xeral de Medios e á Consellería de Cultura e Turismo (Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura) da Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña, ao Concello de Narón, ao Padroado de Cultura de Narón, ao Pazo da Cultura de Narón e á TVG. Así mesmo, contou coa colaboración de AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) e Gadisa.