Pontevedra foi onte a anfitrioa da gran festa anual do audiovisual galego. O seu Pazo da Cultura acolleu a VII edición dos Premios Mestre Mateo, un acto no que como é habitual reuníronse autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, principalmente, asociacións e profesionais do sector.
Entre as personalidades atopábanse o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia Roberto Varela, o Alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, e Fermín Reixach en representación da Academia do Cinema Catalán. O acto arrincou con forza grazas ao grupo de música Lamatumbá e ao colectivo de artistas Pista Catro, as dúas formacións que deron ritmo á toda a velada. Os actores de Pista Catro prenderon a mecha da Gala cunha actuación na que simularon chegar tarde e, abríndose paso entre o público, acadaron o escenario á vez que se daban os últimos toques de peiteado e vestimenta.Morris e Manuel Manquiña, os mestres de cerimonias da Gala do ano pasado, pasaron o testemuño ao seu sucesor para esta ocasión, o cantante Sergio Zearreta, que foi dando entrada e saída aos distintos momentos da Gala.
A entrega de premios estivo salpicada de situacións cómicas, nalgúns casos contando coa complicidade do público, como cando se lles deu a algúns deles unhas gafas coas que foron retratados para logo verse proxectados fronte a si mesmos, nas pantallas do propio escenario; ou cando se fixo unha versión comprimida dun telexornal que deu paso a tres presentadoras reais dos informativos da TVG e que foron algúns dos moitos rostros coñecidos que fixeron entrega dos galardóns ao longo da noite.
Outras chiscadelas ao audiovisual galego viñeron da man de varios membros de Pista Catro que fixeron as súas acrobacias vestidos de sotana, dando paso así a varios actores galegos que interpretaron papeis de curas en diversas producións e que tamén repartiron noraboas e estatuiñas nesta esperada noite. Tamén houbo espazo para homenaxear á serie Mareas Vivas dez anos despois da súa estrea, para o cal reuníronse cinco dos seus actores, encargados nesta ocasión de entregar o último bloque de premios da velada.
No transcurso da Gala María Bouzas, Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, agradeceu á cidade a ao Concello de Pontevedra a súa acollida e colaboración para levar a bo termo esta festa da gran familia do audiovisual galego. Celebrou a diversidade dos traballos que se presentaron este ano e que reflicten os distintos modos de facer cine e televisión, ao poñer a disposición do público dende as producións de carácter máis popular ata as obras máis alternativas. Na súa intervención, María Bouzas lamentou as interferencias que se producen nas fases de cambio de goberno da Administración autonómica e que afectan ao traballo dos profesionais do sector audiovisual, pola paralización de compromisos adquiridos e co conseguinte dano á súa actividade produtiva.
Na Gala, que foi retransmitida por TVG en directo, repartíronse en total 28 estatuíñas, cada unha delas en representación dunha categoría dos Premios Mestre Mateo, ao que se engadiu a entrega do Premio de Honra Fernando Rey ao director artístico Suso Montero pola súa traxectoria profesional, desenvolvida en boa parte na Televisión de Galicia, na que ten creado infinidade de decorados para programas de todo tipo, ademais das súas aportacións no eido do cine.
A Gala dos Premios Mestre Mateo 2008, que foi dirixida por Jorge Coira baixo o guión de Carlos Portela, tivo como patrocinadores á Xunta de Galicia, a través dos departamentos correspondentes ás areas de Comunicación, Cultura e Industria. Así mesmo, contou co patrocinio do Concello de Pontevedra (Pazo da Cultura) e da Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición foron: Fundación Aisge, SGAE-Fundación Autor, Clúster Audiovisual Galego, Gadisa e Spica.