26 de xaneiro de 2022 | Esta mañá presentouse o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que nace da colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas. Unha iniciativa grazas á cal as finalistas dos Premios Mestre Mateo, que celebran este ano a súa vixésima edición, viaxarán a vinte concellos espallados por toda Galicia.
O Ciclo Mestre Mateo está íntimamente ligado aos premios que lle dán nome: o programa darase a coñecer cando se anuncien as finalistas da presente edición e as proxeccións empezarán despois da gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 19 de marzo. Celebrarase de xeito simultáneo en todas as localidades cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto, e a entrada ás mesmas será de balde. Toda a información sobre programación, horarios e salas estará dispoñible na web ciclomestremateo.gal.
O ciclo foi presentado esta mañá en catro roldas de prensa simultáneas nas catro Deputacións galegas.
Na Deputación da Coruña interviron Xurxo Couto, deputado de cultura e Ana Míguez, da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual; na Deputación de Lugo interviron Maite Ferreiro, vicepresidenta e deputada de de cultura e Pepe Coira, vicepresidente da Academia e tamén asistiron representantes das diferentes asociacións encargadas de coordinar o ciclo nos concellos; en Ourense foron Patricia Torres, deputada de cultura e audiovisual e Saamira Ganay, da directiva da Academia, as encargadas de presentar o ciclo. Na provincia de Pontevedra, ademáis de Carmela Silva, presidenta da Deputación e Fernando Alfonsín, da directiva da Academia Galega do Audiovisual, tamén participaron na presentación representantes dalgúns concellos que acollerán as proxeccións do ciclo: Ana Doval, concelleira de Forcarei, Constantino Cordal, concelleiro de cultura de Cambados, Digna Rivas Gómez, alcaldesa de Redondela e Luciano Sobral Fernández, alcalde de Poio.
Todos recalcaron o compromiso das deputacións co audiovisual e manifestaron a súa satisfacción pola celebración dun proxecto que “favorecerá a difusión do audiovisual feito en Galicia, cunha promoción estable que chegue a novos públicos” en palabras de Xurxo Couto. Maite Ferreiro definiu como “fundamentais” actividades como o Ciclo Mestre Mateo, cuxo xerme foron as proxeccións das películas finalistas dos premios en Chantada, Foz e Vilalba en 2021, unha experiencia que calificou como “moi positiva”. Patricia Torres calificou a iniciativa como “ilusionante e ambiciosa” mentres que Carmela Silva recalcou a importancia de “democratizar a cultura, achegándoa ao local”.
Como parte integral do proxecto, a Academia Galega do Audiovisual proporcionará ferramentas específicas sobre produción e comunicación das proxeccións ás persoas encargadas da xestión desta iniciativa en cada concello e tamén se implicará a un grupo de persoas que se encargarán de coordinar a realización de cada proxección, e atender ás demandas das espectadoras e espectadores do ciclo.
De cara ao final do ano terá lugar un encontro das salas que forman parte do Ciclo Mestre Mateo para avaliar o primeiro ano de vida do proxecto e valorar aportacións e propostas de mellora.
Esta inciativa, que achegará ao público de vilas e cidades o máis destacado do audiovisual galego actual, supón un paso máis na colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura da Deputación da Coruña, vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Diputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense, que xa colaboran na celebración dos Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual, que chegan este ano á súa sexta edición.