A Academia Galega do Audiovisual crea a Oficina de Cooperación Audiovisual, da man do Concello da Coruña

20 / 06 / 2018

  • Un equipo de profesionais socias e socios da AGA e con recoñecido prestixio dentro do sector asesorará de xeito gratuíto as persoas e empresas que queiran desenvolver proxectos cinematográficos, televisivos, transmedia ou de creación contemporánea

  • Deseñouse, tamén, un manual de protocolos de rodaxe e un formulario de solicitude de permisos, para facilitar as producións audiovisuais na cidade, que estará dispoñible a partir do próximo día 26 na web do Concello

  • A Coruña acollerá a finais de ano unha batería de actividades formativas organizadas pola AGA en colaboración con outras asociacións e colectivos do sector

Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña anunciaron esta mañá en rolda de prensa a ampliación da colaboración entre ambas as dúas institucións. En virtude do novo convenio asinado entre elas, hoxe mesmo abriuse unha Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO, dispoñible na web aco.gal) e a partir do 26 de xuño estará dispoñible na Sede Electrónica do Concello da Coruña un Manual de rodaxe e os formularios para a solicitude dos permisos de gravación na cidade. Ademais, no último trimestre do ano desenvolverase na cidade un completo Plan de formación. Todo isto, súmase á colaboración do Concello na celebración dos XVII Premios Mestre Mateo a próxima primavera e da III Semana das Músicas no Audiovisual (SEMUA) o próximo outono e na elaboración e difusión dos Papeis da Academia, que lle tomarán o pulso ao sector ao final do ano.

SGR_20180620_sande_oficina_coop_audiovisual_G88B0848

Un dos labores que desenvolverá a AGA en virtude deste novo convenio, que “ratifica o firme compromiso da cidade co sector audiovisual”, será a organización, xestión e centralización das solicitudes de permisos de rodaxe e gravación na cidade da Coruña. Como punto de partida, creouse man a man cos distintos departamentos do Concello un manual de rodaxe de procedementos e protocolos, así como os formularios de permisos que estará dispoñible na web municipal a partir do día 26 de xuño. Nunha segunda fase, crearase unha base de datos en liña que recollerá fotografías de localizacións e un directorio de empresas e de profesionais do sector audiovisual. “O obxectivo desta ferramenta”, asegurou Xosé Manuel Sande, é “a promoción da cidade como plató de rodaxe, servir de apoio e dinamizador do sector audiovisual local, visibilizar a profesionais e empresas aumentando as oportunidades laborais e de negocio, apoiar e xerar beneficio económico nos sectores audiovisual, turístico e empresas auxiliares”.

Nace tamén -ao abeiro deste convenio- a Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO), unha rede profesional que ten como principal obxectivo potenciar o sector audiovisual galego, promovendo a cooperación con creadores, produtoras e institucións. “Trátase”, segundo explicou Carlos Ares, “de acompañar os proxectos ao longo de todo o proceso creativo, para o que se conta con diversas áreas de acción que cobren o desenvolvemento, o financiamento ou o deseño de estratexias de difusión”. Hoxe mesmo está dispoñible a plataforma de asesoría audiovisual, unha ferramenta virtual que ofrece un repositorio de recursos para levar a cabo proxectos audiovisuais, consultoría fiscal, laboral e xurídica para socias e socios da AGA e asesoría profesional (dispoñible de balde, para calquera empresa ou persoa, a partir do próximo mes de setembro) para proxectos en fase de desenvolvemento e/ou difusión. Todas as persoas que traballan no sector poden crear xa un perfil nesta web, a partir do que poderán facer uso de todos estes servizos.

O equipo de asesoras e asesores, todos eles socios da AGA, está composto por profesionais de recoñecido prestixio en distintas áreas: Beli Martínez, Dani Froiz, Felipe Lage e Luisa Romeo en cinema (longametraxes e curtametraxes de ficción e non-ficción); Araceli Gonda, Pepe Coira, Puri Seixido e Sonia Méndez en Formatos televisivos (ficción unitaria ou seriada (incluíndo webseries), programas informativos, deportivos ou de entretemento); María Yáñez, Adolfo Ponte, Luz Castro e Alfonso Martínez en narrativas interactivas, transmedia e videoxogos (proxectos que implican interacción por parte de usuarios e usuarias); Belén Montero, Carme Nogueira, María Ruido e Xisela Franco en creación audiovisual contemporánea (obras experimentais, videocreacións e instalacións); e Andrea Franco, Víctor Paz Morandeira e José Manuel López en produción avanzada (proxectos na etapa previa á súa estrea, distribución ou comercialización).

Outra das tarefas previstas para este ano é a celebración de varias actividades relacionadas coa educación e coa formación audiovisual. Así, segundo concretou Carlos Ares, no último trimestre do ano, a Academia ofertará na Coruña unha serie de accións de formación e de reciclaxe de profesionais en activo, coordinado coas diferentes asociacións profesionais do sector audiovisual, en función das súas necesidades. Ademais, a Academia Galega do Audiovisual impulsou o pasado mes de abril un proceso participativo e de diálogo aberto entre os principais axentes implicados no ensino do audiovisual nos centros educativos de primaria e secundaria, co obxectivo de ofrecer a partir do mes de outubro un lugar de encontro, debate e reflexión sobre temas que axuden a promocionar a cultura audiovisual nas aulas nun sentido amplo e poder establecer coa participación de tódolos axentes implicados, unha folla de ruta para a planificación e desenvolvemento de estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien a labor actual dos docentes e potencien a ensinanza da cultura audiovisual na nosa comunidade.

Categoría: Novas
Etiquetas: