Comunicado de apoio ao pregoeiro do entroido de Santiago de Compostela

19 / 02 / 2018

A Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG),  a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) queren amosar a través deste comunicado o seu apoio, solidariedade e agarimo co actor, director e dramaturgo Carlos Santiago logo da polémica alentada dende certos sectores e medios con motivo do pregón do entroido de Compostela no que interpretou un dos seus personaxes máis coñecidos.

Nestes días estamos vivindo unha agresión directa e frontal ás liberdades fundamentais das creadoras e artistas, e do conxunto da nosa sociedade, por parte de algúns estamentos sociais que están a desembocar en toda clase de graves insultos e ameazas a este compañeiro e, por ende, a toda a profesión. Porén, rexeitamos firmemente esta situación de belixerancia coa interpretación e o contido da obra.

As asociacións asinantes ven nestes feitos un intento de vulnerar a liberdade de expresión así como o acoutamento do feito artístico. Cremos que esta polémica xerada de xeito artificial por intereses alleos á cultura e ao debate construtivo, persegue, por medio da deformación da lóxica e necesaria diferenciación entre ficción e realidade, fomentar a censura e a represión. É sorprendente que os ataques máis furiosos contra a liberdade de expresión veñan dende o sector no que esta debe ser o máis sagrado mandamento.

Asistimos nos últimos tempos a un revivir da represión e dos ataques dende determinados sectores contra o humor, a parodia ou calquera obra ou artista que saia dos camiños morais e estéticos que queren impoñen certas elites que só perseguen a eliminación da reflexión e a opinión, así como de calquera pensamento crítico, para apostar, máis unha vez, por reducir calquera forma de creación artística unicamente a simple entretemento cunha nula implicación social.

As asinantes afiánzase no seu compromiso de defender a liberdade de expresión e asemade aos integrantes dos colectivos artísticos comprometidos con ela, por riba de calquera outra apreciación que atinxa a cuestións como a súa estética ou calidade.

Por todo o exposto amosamos a nosa solidariedade con Carlos Santiago, condenamos a súa persecución mediática e esiximos respecto para os profesionais da interpretación no exercicio dos dereitos fundamentais de creación, expresión e pensamento.

En Santiago de Compostela, a 19 de febreiro de 2018.

Categoría: Novas
Etiquetas: