- A directora e dramaturga Marta Pazos (Voadora) será a encargada de dirixir a cerimonia que conducirá, por segundo ano consecutivo, a presentadora e actriz Iolanda Muíños
- A entrega de premios, que se celebrará o próximo 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, poderá seguirse a través da Televisión de Galicia e das redes sociais da Academia Galega do Audiovisual
A gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, estará dirixida por Marta Pazos, directora artística e dramaturga da compañía teatral Voadora, na que desenvolve un traballo de investigación en creación escénica e dramaturxia contemporánea. Ao longo dos últimos anos as direccións de Marta Pazos estiveron presentes en escenarios internacionais e estatais como o Centro Dramático Nacional, onde acaba de por en escena Sueño de una noche de verano, MA scéne nationale (Francia), Festival de Almada (Portugal), FITEI (Portugal), Festival de Agosto (Mozambique), Festlip (Brasil), Capital Europeia dá Cultura- Guimarães 2012 (Portugal), Tempada Alta, Festival de Almagro, Clásicos en Alcalá, Olmedo, Fringe Madrid, MIT Ribadavia ou Escenas do Cambio.
Pero esta non será a única presenza feminina do acto, que estará conducido pola actriz e presentadora Iolanda Muíños acompañada polas voces das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias sobre o escenario. Ademais os premios, que os académicos e académicas elixen cos seus votos entre as 328 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversas profesionais pertencentes a diferentes facetas do noso audiovisual.
A gala, que se celebrará o próximo sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, poderá seguirse a través das redes sociais da AGA (Facebook | Twitter) ou a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia.
Polo momento e ata que non chega o día, deixámosvos aquí un tema que anuncia que “outro ano máis son os Mestre Mateo”.
Marta Pazos (Pontevedra, 1976). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura. Comeza a dirixir no ano 2000 e desde entón asinou a posta en escena dunha vintena de espectáculos desenvolvendo o seu traballo a camiño entre Portugal e España.
En 2007 funda en Santiago de Compostela a compañía Voadora xunto ao actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz. En 2011 recibe o XV Premio de Teatro María Casares á mellor dirección converténdose na directora máis nova en recibir este galardón. En 2013 recibe novamente o Premio María Casares de dirección ao que suma outro premio María Casares como mellor escenógrafa. Recibe tamén o terceiro premio do Certamen Nacional de Directoras de Torrejón de Ardoz e o premio INDIEFEST14 como actriz protagonista.
Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: “Martes de Carnaval” para o Centro Dramático Galego, “Sueño de una noche de verano” recentemente presentada no Centro Dramático Nacional, ou “Tokio3” que foi finalista aos Premios Max 2013 ao Mellor Espectáculo Revelación.