A Academia desvela o mércores os finalistas dos Mestre Mateo

5 / 02 / 2018

  • Iolanda Muíños conducirá, un ano máis, a Gala dos grandes premios do audiovisual galego, que se celebrará o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña e que transmitirá a TVG en directo

Este mércores, día 7, comeza a carreira polos galardóns máis desexados do audiovisual galego. A Academia Galega do Audiovisual anunciará nun acto conducido polos coñecidos actores María Mera e Monti Castiñeiras os nomes dos proxectos e profesionais finalistas da XVI edición dos Premios Mestre Mateo.

Ao longo das últimas semanas, os académicos elixiron cos seus votos os 4 finalistas de cada unha das vinte cinco categorías entre as 328 candidaturas presentadas. O mércores pola mañá coñeceremos os seus nomes, nunha lectura que se poderá seguir en directo a partir das 12h00 nas redes sociais da Academia (Facebook | Twitter), e comezará a súa loita polos galardóns, que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala que conducirá, por segundo ano consecutivo, a actriz Iolanda Muíños.

Iolanda_PMM2017_LQ

Iolanda Muíños (Narón, 1975) é actriz de teatro, cine e televisión. Foi galardoada con premio María Casares de teatro á mellor actriz protagonista por Life is a Paripé (2011) e á mellor actriz secundaria por Presidente (2016). No ámbito do cine ten participado como actriz en longametraxes como 8 Apellidos Catalanes, El Desconocido, Os Crebinsky, Mar Adentro ou 13 Badaladas. Para televisións estatais ten traballado en series como Cuéntame, Los Serrano ou La que se Avecina. Na TVG formou parte dos elencos de Pazo de Familia, A Casa da Conexa, Escoba, Padre Casares, Libro de Familia, Rías Baixas ou Pratos Combinados, entre outras. Muíños leva traballando en teatro dende que a principios dos 90 se iniciara na Escola de Teatro de Narón. Algunhas das súas últimas montaxes foron Presidente (Teatro do Morcego), Bye Bye Honey (Obras Públicas), Malos Hábitos, Galicia Caníbal, Life Is A Paripé (Obras Públicas) ou Los Músicos de Bremen (Teatro do Morcego).

Etiquetas: