CoruñaFilm celebrarase os vindeiros 30, 31 de outubro e 1 de novembro no Centro Ágora. Un festival no que se inclúen numerosas actividades para potenciar os proxectos audiovisuais dos mozos creadores.
Premio Coruña Film. O premio recoñecerá á mellor curtametraxe dirixida por un realizador galego ou que teña vinculación con Galicia. Un xurado composto polos directores Patricia Ferreira, Jorge Coira e Álvaro Matías (director de JamesonNotodofilmfest) premiará con 600 € en metálico á mellor das curtametraxes presentadas. Todas as curtametraxes finalistas se proxectarán no Auditorio do Centro Ágora.
Axuda ao financiamento de proxectos de curtametraxe: Área Pitching. Os participantes seleccionados dispoñerán de 5 minutos para realizar un pitch sobre o seu proxecto de curtametraxe (que non fose rodado). O xurado outorgará 600 € en metálico ao mellor pitch en concepto de axuda ao financiamento de proxectos.
Tutorización de proxectos audiovisuais: Citas de Cine. Os directores Manuel Gómez Pereira e Chus Gutiérrez, a produtora Beatriz de la Gándara e o distribuidor Millán Vázquez orientarán novos realizadores sobre os seus proxectos. Durante 20 minutos os profesionais manterán encontros cos realizadores e tutorizarán os seus proxectos de longametraxe, curtametraxe, serie de televisión ou calquera outro formato.
Rodaxe Expres. Eduardo Chapero-Jackson dirixirá unha curtametraxe que se rodará, montará e estreará durante os tres días de CoruñaFilm. A través dunha convocatoria online, o director elixirá os membros do equipo de rodaxe das seguintes disciplinas:
Axudante de Dirección
Xefe de Produción
Director de Fotografía
Director de Arte
Sonidista
Montador
Maquillaxe
Peiteado
Máis información do CoruñaFilm premendo no seguinte enlace www.coruna.es/corunafilm