ESTOU PENSANDO EN RETIRARME; O MEU “GUSANILLO” DO ESTÓMAGO ESTÁ MORIBUNDO

15 / 10 / 2014

Con marcado acento británico pero en perfecto castelán. Así se dirixiu a mundialmente recoñecida directora de figuración Yvonne Blake ós máis de cen asistentes á masterclass impartida no auditorio do Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa da Coruña.

A clase mestra comezou pola mañá, momento aproveitado pola figurinista para  explicar os seus comezos nada ortodoxos. Durante as dúas horas examinou os bocexos das súas obras de cine máis emblemáticas –Robin e Marian, Fahrenheit 451, Nicolás y Alejandra, Jesucristo Superstar, Los tres mosqueteros, Superman I e II, Bearn, Carmen, El puente de San Luís, Tirante el Blanco, Los Fantasmas de Goya-, e clips das mesmas para ver os resultados dos seus debuxos.  

En horario de tarde, Yvonne Blake comezou facendo un repaso a algúns dos seus traballos cinematográficos, nos que vestiu a grandes actores coma Robert de Niro, Audrey Herpburn ou Javier Bardem. Acto seguido tivo o lugar o tempo de preguntas dos asistentes, que non dudaron en abordar á figurinista con cuestións relacionadas coa súa faceta profesional.

“O Óscar tíñao aguantando unha porta na miña anterior casa”, dixo entre risas Blake, para despois asegurar que a día de hoxe o garda nun estante central da súa vivenda madrileña. “Está tan apalpado que xa ten tiven que dar un baño de depurado, es está próximo o segundo”, asegurou.

Sobre o futuro, esta recoñecida directora de figuración asegurou ter un proxecto en oferta, aínda que non ten moi claro se o aceptará: “Teño ganas de dedicarme a outras afeccións, coma pintar ou cociñar. Estou pensando en retirarme; o meu ‘gusanillo’ do estómago está moribundo”, aseverou ante as risas do auditorio.

Os asistentes tamén quixeron saber de primeira man como se desenvolve o traballo dunha directora de figuración en plena rodaxe, se prefería traballar en Hollywood ou en Europa e sobre se é posible conciliar a vida profesional e persoal. Yvonne Blake puxo fin ó acto, tras recibir unha calorosa ovación, cun “non é fácil, pero vos desexo moitos éxitos a todos”.

 

 

 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: