Este domingo, Televisión de Galicia estrea en horario de máxima audiencia (22:00 horas) “Serramoura“, a grande aposta de ficción galega para a tempada. Da man de Voz Audiovisual, produtora de grandes éxitos de audiencia como “Mareas vivas”, “Padre Casares” ou “Matalobos“, chega esta historia policial dende a Galicia máis recoñecible.
Serramoura conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior. Unha localidade que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e na que dúas familias, os Soutelo e os Fiuza, loitan polo control do negocio da madeira. Un escenario recoñecible que se ve bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas.
Para resolver o caso, a Comandancia da Garda Civil desprazará á vila a Diego Bazán, sarxento especializado en homicidios, que se unirá á sarxento Marga Pazos, membro da Unidade de Investigación de Serramoura. Dous mundos e dúas personalidades totalmente distintos, obrigados a entenderse. Segundo vaian avanzando na súa investigación, sairán á luz, episodio a episodio, os segredos, miserias e conflitos desta pequena vila galega, tan recoñecible como inquietante.
Ambientada no mundo da madeira, a serie conta con preto dun 40% de secuencias en exteriores. Unha produción de envergadura, que levará aos espectadores de TVG por algunhas das paraxes forestais máis belas de Galicia. A serie mostraranos a Galicia verde máis bela, pero tamén a máis misteriosa.
Exteriores naturais
Serramoura é unha localidade de ficción, resultado da unión dalgúns dos cantos máis belos e inquietantes da provincia da Coruña. Localizada principalmente no concello de Arteixo, e máis concretamente no pobo de Pastoriza, a serie tamén conta con exteriores fixos en Culleredo e Carballo. Pero Serramoura ten moitos outros cantos belos e misteriosos que, capítulo a capítulo, nos levarán por distintas paraxes da Galicia máis frondosa.
Para a recreación dos negocios dos protagonistas, a produtora contou coa colaboración de entidades como a Consellería do Medio Rural e Confemadera Galicia. Varias son as empresas que, asociadas a esta última, tamén colaboraron de xeito particular na ficción. Da súa man, Serramoura levaranos ás entrañas do negocio madeireiro.
Inestimable foi, tamén unha vez máis, a colaboración da Garda Civil, cuxo labor na salvagarda dos montes galegos, como a da Consellería do Medio Rural, queda patente na ficción.
Repartición de luxo
Dous son os personaxes que levan o peso da investigación: Marga Pazos e Diego Bazán, dous membros da Garda Civil encarnados polos actores Lucía Regueiro e Miguel Ángel Blanco. Xunto a eles, completan a repartición actores do talle de Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Miguel Borines, Isabel Naveira, Xavier Deive, Uxía Blanco, Sabela Arán, Sheyla Fariña, Miguel Canalejo, Chechu Salgado, Sara Casasnovas, Mariana Expósito, Fran Paredes, Tito Asorey e Xosé Barato. Todos baixo a dirección de Miguel Conde e Jorge Saavedra.