“O sector audiovisual é clave para a cultura galega, e formatos coma o pitching do Clúster Audiovisual Galego son útiles para constatar a relevancia da nosa industria do audiovisual”. Así o puxo de manifesto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, hoxe xoves, día 12, en Santiago durante a presentación da 8ª edición do pitching “I+P Ideas para producir”, organizada polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), na que produtores do sector audiovisual de toda España presentan os seus proxectos.
Na presentación tamén participaron, xunto a Anxo Lorenzo, o presidente do Clag, Andrés Barbé, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. O acto tivo lugar no Auditorio de Galicia ante un auditorio formado por produtores nacionais, responsables de canles de televisión públicas e privadas, e axentes de distribuidoras, ademais de diversos representantes institucionais.
Durante a súa intervención, Andrés Barbé agradeceu a confianza depositada no I+P e animou a todos os profesionais e á Administración a seguir traballando a prol do audiovisual que “malia a estar pasando por momentos díficiles semella que comeza a despegar de novo”.
Pola súa parte, Jacobo Sutil salientou a estreita colaboración que existe entre a Agadic e o Clúster Audiovisual Galego, entidade asociativa que representa a “un colectivo dinámico e proactivo como o do audiovisual”, asegurou. Unha colaboración que se está a producir en diversas liñas de traballo como a internacionalización, a dinamización sectorial ou a formación, entre outras. En canto ao I+P, Sutil dixo ser un formato que vén amosando a súa eficiencia e eficacia directa en dous momentos claves da produción audiovisual, como son a busca de financiamento e a procura de distribuidores das obras.
Anxo Lorenzo aproveitou tamén este acto para subliñar a importancia da figura dos clusters para a economía galega como interlocutores institucionais, e reiterou o apoio da súa Consellería ao Clúster Audiovisual Galego. Neste sentido, falou da idoneidade para o tecido cultural galego da creación doutros clusters noutras áreas da industria cultural, e “por que non pensar a medio prazo na existencia dun cluster de todas as industiras culturais galegas”.
A 8ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” está organizada polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Agadic e o Igape, e o Departamento de Turismo do Concello de Santiago.
Máis dun centenar de reunións one to one
Trala inauguración da xornada, presentáronse durante toda a mañán en total 15 proxectos audiovisuais (once galegos, catro madrileños e un andaluz). Estes proxectos, que se encontran en distintas fases de desenvolvemento, foron os elixidos polo comité de selección entre as decenas de proxectos inscritos na octava edición do “I+P Ideas para producir”. En canto ao formato das obras, presentáronse: seis longametraxes de ficción, unha longametraxe documental e oito formatos diversos de contidos para televisión.
Os responsables de cada traballo tiveron 12 minutos para intentar captar a atención dos directivos de canles de televisión públicas e privadas, de destacados produtores e dos axentes de distribuidoras.
Durante esta tarde, celebraranse no Hotel NH Obradoiro máis dun centenar de reunións one to one, nas que os autores dos proxectos os seus produtores poderán detallar os aspectos máis relevantes dos mesmos, en busca de compromisos por parte dos profesionais que culminen na materialización de acordos.
Panel de expertos
A deste ano é a primeira edición que conta coa participación de responsables de compañías internacionais, que mostraron un grande interese en coñecer o traballo da industria audiovisual galega e as posibles vías de colaboración. Así, asisten hoxe en Compostela a esta octava edición do I+P a directora de Framing L.A. (Los Angeles, EEUU), Maja Zimmerman, ou o CEO e produtor de CanSpan Film Factory (Canadá), Alfredo Contreras.
Tamén participan hoxe neste encontro, responsables de diversas cadeas e grupos de televisión, como Fernando López Puig (TVE), Baldomero Toscano (Mediaset), Lara López (Prisa TV), Ricardo García Arrojo (Atresmedia), Fernando R. Madriñán (TVG) e Montse Besada (TVG). Así como os axentes de distribuidoras Adolfo Blanco (A Contracorriente Films) e Iván Díaz (Fimax), ou os produtores Rogelio Delgado (Teyso Media Ficción) e Jaime Martul (Alquitar Films) e o máximo responsable de Voz Audiovisual, Carlos Carballo. Ademais da coordinadora do Fondo de Garantía Europeo de Audiovisual S.G.R., Mónica Carretero.
Nesta edición, o Clag conta tamén coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), e co patrocinio de Music Library.