A 8ª EDICIÓN DO PITCHING “I+P IDEAS PARA PRODUCIR” ACOLLERÁ A PRESENTACIÓN DE 15 PROXECTOS AUDIOVISUAIS

6 / 06 / 2014

O vindeiro xoves, día 12 de xuño, celebrarase no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a 8ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” na que se presentarán un total  de 15 proxectos, dos que once son galegos, tres madrileños e un andaluz. Do total de  proxectos, sete son longametraxes e oito formatos para televisión, que están en diferentes fases de produción.

O pitching “I+P Ideas para producir” está organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e co Concello de Santiago de Compostela.

Este encontro está destinado a reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Por outra banda, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización.

Tour Santiago Cinematográfico: Compostela como plató de cine

O “I+P Ideas para producir” é un formato de exposición de proxectos audiovisuais xa consolidado a nivel nacional, que inclúe unha sesión de presentación dos proxectos e a celebración de reunión bilaterais con destacados axentes do sector. Nesta edición, participarán máis dunha ducia de responsables de canles de televisións nacionais, como TVE ou os grupos Mediaset e Atresmedia; canles autonómicas, axentes de distribuidoras (Filmax, A Contracorriente Films, European Dream Factory, etc.), produtores executivos en busca de novas ideas e produtos audiovisuais ou responsables de compañías internacionais coma CanSpan Film Factory (Canadá) e Framing L.A. (Los Angeles, EEUU), entre outros.

Na xornada previa ao pitching, o mércores día 11 de xuño, todos estes axentes e responsables de canles de televisión, xunto a produtores do sector audiovisual galego, realizarán un tour pola cidade de Santiago, que partirá ás 17.00 horas da Praza do Obradoiro, para visitar diversas localizacións cinematográficas e descubrir o potencial de Compostela como plató cinematográfico.

Proxectos finalistas

En canto aos proxectos finalistas, o Comité de Selección da oitava edición do pitching “I+P Ideas para producir” integrárono a delegada de Filmax en Galicia e vicepresidenta do Clag, Inmaculada Castaño; o director xeral de Área 5.1 Factoría Audiovisual e vicepresidente do Clag, Celestino Hermida, e a responsable da Política Audiovisual da Xunta de Galicia, Dolores Meijomín.

*Listaxe de proxectos da 8ª Edición do Pitching “I+P Ideas para producir”:

Longametraxes

“El secadero de iguanas”, de Antonio Donaire.

“Memorias de un hombre en pijama”, producido por BabyBug Films.

“La Manzana de la Discordia”, producido por Altamira Entertainment e Formato Producciones.

“Os días afogados”, de Iván Patiño.

“Dragal”, producido por Ficción Producciones.

“Día de muertos”, producido por Ficción Producciones.

“Encubrimiento”, de Manuel Darriba

Formatos para televisión

“Perroflautas”, de Evaristo Crespo.

“La Sustituta”, de Leticia Barbadillo.

“La reina de copas”, de José Luis Viñas.

“Distopía”, de Virgina Llera.

“Te voy a dar cariño”, de José Luis Viñas e Setemedia.

“lavida.es”, producido por Portocabo.

“Linko”, producido por IB Cinema.

“Finlandia”, producido por Zopilote.

Nesta edición, o Clag conta tamén coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), e co patrocinio da compañía Music Library.

Categoría: Novas
Etiquetas: