O (S8) 5ª Mostra de Cinema Periférico inaugúrase hoxe no Teatro Rosalía de Castro coa proxección da película Jirokichi the Rat (Daisuke Ito, 1931). Será a primeira vez que unha película do período mudo estea narrada por un benshi, figura tradicional xaponesa, que le o argumento do filme, e interpreta a todos os personaxes, acompañado polo instrumento tradicional de cordo xaponés por excelencia, o shamisen. Onte os artistas tiveron un ensaio no teatro herculino, onde Nieves Moreno, investigadora especializada neste tipo de manifestación fílmica, explicou aos xornalistas que o inicio do século XX, ata ben entrados os anos 30, “foi unha etapa rica en experimentación no uso de variadas técnicas sonoras herdadas da tradición oral e teatral” en Xapón. Estas técnicas fóronse incorporando ao cine, ata crearse a figura do que hoxe se coñece como benshi. “O nivel de celebridade que os narradores alcanzaron entre o público que acudía ás primeiras salas de proxección era notorio, chegando ata a darse representacións nas que a película non era proxectada, ou espectáculos nos que diferentes benshi rivalizaban entre eles narrando un mesmo filme”, indicaba Moreno esta tarde. Para dar unha idea do seu impacto, dixo tamén que en 1927 chegaron a contabilizarse case 7.000 benshi rexistrados en todo Xapón. Esta profesión, malia ser agora máis residual, segue tendo éxito en Xapón, con varias escolas que ensinan a técnica. O benshi Raiko Sakamoto será o encargado mañá de narrar a película de inauguración. Este novo narrador decidiu que quería dedicarse a isto aos 14 anos. “Foi nunha excursión do colexio”, relata. “Fomos a ver unha película de Chaplin, e dese modo entrei en contacto coa figura do benshi”, continúa. Os intertítulos son frecuentes en Jirokichi the Rat, un asombroso e entretido filme de aventuras, adiantado ao seu tempo. Iso si, complementarios á figura do narrador, defende Sakamoto. “Os intertítulos son traballo do director, aportan tanto como a propia narración”, pero segue con vehemencia: “O benshi escribe o seu propio guión para transmitir as emocións, o sentido da interpretación dos actores, cunha explicación do que se ve en pantalla desapegada do guión orixinal”. En referencia ao que parece un rexurdir do cine mudo, con películas como The Artist levándose premios Oscar, Sakamoto di que estas novas versións poden adaptarse. “Poñamos de exemplo o Blancanieves de Pablo Berger”, di sen que ningún español na sala menciónello. E prosegue: “É máis, nos últimos anos, chegáronse a producir algunhas películas coa idea de posteriormente engadir a narración de benshis en directo”. Xa que logo, a disciplina está de todo menos morta. Dío un dos máximos expoñentes desta tradición, un profesional que se formou na prestixiosa escola Matsuda, de onde saen moitos dobradores de series de animación. Entre eles, o propio Sakamoto, que ten experiencia neste ámbito.
Na interpretación, acompáñalle ao shamisen o músico Joichi Yuasa, quen dá unhas claves da sonorización deste tipo de eventos: “Non hai regras para o uso de instrumentos, o cambio dun a outro depende do contido da película”. Indica que “ás veces o que vemos en pantalla non é estrictamente un ambiente xaponés, polo que aí iría ben unha guitarra, mentres que para Jirokichi the Rat, que é costumbrista, decidimos usar o shamisen”. Ante todo, “hai que estar aberto á improvisación”, explica Yuasa, cunha actitude que recorda ás dos clásicos intérpretes de jazz.
O acto de inauguración é esta tarde ás 20:30 horas. As entradas poden adquirirse a través da web do festival, www.s8cinema.com, ou nas propias taquillas do teatro. Os seus prezos oscilan entre os 10 e os 15 euros. Pero esta non será a única sesión dedicada ao país asiático. No marco do ano dual España-Xapón, para conmemorar os 400 anos de relacións entre os dous estados, o (S8) Mostra de Cinema Periférico dedica un foco especial ao cine xaponés de vangarda. Ata o 8 de xuño, pasearanse pola Coruña, entre outros, Takahiko Iimura, pai da vangarda nipona; ou Takashi Makino, última gran promesa deste tipo de cine en Xapón, que estrea en España a súa última longa, Phantom Nebula.