ESTRÉASE O “SEXVLOG” DE “TE QUIERO, PERO”

28 / 05 / 2014

Hoxe estréase o primeiro capítulo desta nova entrega de “Te quiero, pero” que levará como título “A VODA”. A webserie mantén as claves que marcaron o seu éxito na primeira tempada, amor e sexo contados con moito humor. Pero cambia o formato. Máis que unha nova tempada, se trata case dun Spin off, de algo completamente novo pero cos mesmos protagonistas.

Neste primeiro episodio os seguidores reencontraranse cos mesmos personaxes, que lles contarán que pasou finalmente na voda de Lucía e Raúl, unha das tramas principais da anterior entrega.
“Os capítulos novos quedaron moi ben, encántannos, e non se parecen en nada aos que fixemos hai un par de anos” comenta Ángel Seoane, guionista e director deste primeiro episodio “estamos un pouco nerviosos pola estrea, fixemos un cambio radical no proxecto, o que ten sempre os seus riscos, pero esperamos que aos nosos seguidores lle guste este novo formato tanto como o anterior.
Queriamos facer algo diferente. A primeira etapa, que gustou moito e superou as 300.000 visitas, foi unha proba, un experimento. Ao facela aprendemos moito, de todo o que fixemos, e de todo o que recibimos dos seguidores. E queremos seguir aprendendo e experimentando, e que mellor medio para facelo que internet, onde os intereses económicos non condicionan os proxectos”.
Producen Ángel Seoane, Carlos Gulías, Sabela Pillado e Tati García. Carlos é reporteiro de programas como “España Directo”, “Por la Mañana” en TVE1, ou “Reporteiros” en Cuatro. Ángel é produtor dalgunhas das series de ficción máis exitosas da TVG como Era Visto! ” ou “Air Galicia“. Sabela é axudante de dirección de cine e televisión, en proxectos como Era Visto! ” ou a serie “Matalobos” de TVG. Tati García traballa en comunicación, produción e coordinación de eventos. Forman o reparto Alejandro Carro, actor galego que interpretou durante varias tempadas a “Santi“, un dos personaxes fixos dunha das series máis exitosas e lonxevas da Televisión de Galicia, “Padre Casares“, un actor novo con experiencia en teatro, cine e televisión; Sandra Iglesias, Óscar Abades, María Verdía, Carlos Gulías e Ángel Seoane.

Categoría: Novas
Etiquetas: