GRAN ACOLLIDA DE PLAY-DOC NO TOWN HALL DE NOVA YORK

26 / 05 / 2014

O Play-Doc anunciou en febreiro que foi seleccionado para formar parte de Best Fest Film Series, programa que escolle cada ano os 10 festivais máis excitantes do mundo, segundo a opinión dos seus organizadores, os xestores da mítica sala Town Hall de Nova York. Esta semana tocou acudir á cita. Os directores do festival, Sara García e Ángel Sanchez, presentaron o festival ante centos de asistentes.

Un certame que se caracteriza, segundo explicaron, por ser “pequeno e feito dende a periferia, cunha aposta decidida por un cine valente e comprometido”. Isto, curiosamente, imprime un certo carácter de “comunidade” entre un “público moi numeroso e heteroxéneo”, que se achega cada ano a Tui para coñecer as últimas tendencias do cinema documental de autor, e as  retrospectivas de grandes autores como Marcel Lozinski, Artavazd Pelechian, Ross McElwee, os irmáns Maysles, Bogdan Dziworski, Raymond Depardon ou Jay Rosenblatt, entre outros.

O acto serviu amais como unha plataforma de promoción turística moi importante non só de Tui senón tamén de Galicia, pois os directores puxeron en contexto o lugar e cultura onde se desenvolve o festival, con mención especial á ruta xacobea, pasando un vídeo sobre os Camiños de Santiago.

Puxeron un especial énfase, sobre todo, na xeración de novos cineastas que está dando a coñecer o cinema galego en festivais internacionais de todo o mundo. Nesta posta en valor da cinematografía galega máis recente, destacaron os nomes de cineastas como Oliver Laxe, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, ou Lois Patiño; presentes nas pasadas edicións de Play-Doc.

Patiño, vencedor en 2014 coa película Costa da Morte, acompañou os directores do festival para presentar este filme. O realizador é un habitual do certame, onde mostrou varias veces as súas curtas paisaxísticas. A longa que leva presentando xa case un ano no circuíto de festivais internacionais, é a consecución lóxica desa traxectoria pictórica, á que engade elementos etnográficos e míticos nesta galardoada cinta: premio ao director emerxente en Locarno, e dende aí infinitude de galardóns, o último en Corea do Sur, no prestixioso festival de cinema independente de Jeonju.

Logo da proxección, tivo lugar un debate moi intenso entre Patiño e os directores de Play-Doc cos asistentes, que mostraron un grande interese tanto polo filme como pola actualidade cinematográfica galega e polo futuro do festival. Tanto os responsables de Town Hall coma os de Play-Doc agardan que a presentación en Nova York poda aumentar o número de visitantes a Galicia para coñecer o festival e a rexión e, se cadra, tamén as outras moitas actividades en torno ao cinema que se levan a cabo na zona.

Nun contexto económico difícil, os organizadores de Play-Doc quixeron reservar un apartado de agradecementos para todas aquelas entidades, organismos públicos e empresas que financian o festival: Xunta de Galicia, Concello de Tui, Deputación de Pontevedra, Xacobeo, o operador de cable R, Gadis, Estrella Galicia e Gas Natural Fenosa; importante incorporación en  2014. Sen eles, non sería posible manter vivo Play-Doc cada ano, e lograr que o festival siga medrando.

Categoría: Novas
Etiquetas: