O (S8) 5ª Mostra de Cinema Periférico de A Coruña ofrece un repaso á cinematografía galega máis novidosa coa estrea dos novos traballos do realizador Eloy Domínguez Serén, a proxección da última longametraxe de Xurxo Chirro, Une histoire seule (2013) e unha mostra de curtametraxes de directores galegos que usen formas e linguaxes non tradicionais ou que o seu cinema é o do viaxeiro constante, habitante de cidades estrañas, de situacións insólitas aínda que cotiás, sempre cara diante, coa ollada contemplativa do cineasta que non sabe moi ben onde está.
Eloy Domínguez Serén volve a casa para presentar un traballo inédito, en forma de recortes ou fragmentos, baseado nas vivenzas persoais en distintos países e que terminará ex profeso para a quinta edición do (S8).
A última destas experiencias é un proxecto en Tinduf, onde pasou o último mes dando clases na Escola de Formación Audiovisual Abidin Kaid Saleh en Wilaya de Boujdour/Bojador (antes chamada “27 de febreiro”), nos campamentos de refuxiados saharauis en Arxelia. Esta vivenza queda reflectida na obra Anacos do Sahara (2014). A estes ‘anacos’ ou fragmentos sumaranse os de Suecia, Noruega e os do fogar, Galicia. En total unha hora e media de recordos, viaxes fragmentados deste ‘cinema da emigración’ e da ‘identidade deslocalizada’ que compoñen un programa que contará con presenza do autor en encontro co público.
O programa sobre Eloy Domínguez Serén componse de dúas sesións. A primeira delas divídese en catro partes inéditas. A segunda sesión terá lugar o venres 7 de xuño pola tarde no Centro Galego de Artes da Imaxe e consistirá nun encontro do realizador co público no que Domínguez Serén explicará as bases do seu proceso creativo.
XURXO CHIRRO. Do Hi8 de Vikingland á cercanía do iPhone
Os personaxes que aparecen nas películas de Xurxo Chirro, autores da metraxe coa que están montadas, aproxímanse ao cinema con ferramientas básicas. Unha Hi8 ou unha cámara de móbil convírtense na súa arma para rexistrar as viaxes, as vivenzas, unha visita dun amigo gravada en apariencia de ‘cinema doméstico’, a volta ao fogar, ou mesmo as súas aventuras polos mares do Norte. Sempre contemplativas ou testimoniais, esas imaxes teñen un vínculo especial co cinema de Eloy Domínguez Serén. O mozo cineasta galego ben podería ser un deses personaxes, lonxe da casa, escribindo un diario fílmico sobre o seu día a día, sobre a súa viaxe.
A diferencia del, Chirro explora as posibilidades brindadas pola metraxe atopada (found footage) e nunha fazaña propia dun documentalista reconstrúe a ‘travesía’ destes heroes para darlle sentido, incidindo na orde das escenas de forma directa, sacando a relucir a historia (real ou ficticia) que atesouran os fotogramas. Se na multipremiada Vikingland (2011) Chirro daba o testemuño dun mariñeiro galego a bordo dun ferri que recorría a costa norte de Europa en medio dun duro inverno, en Une histoire seule (2013) parte dunha viaxe persoal na que se perde en medio da néboa na procura da localidade francesa de Rolle.
O propio autor cóntanos a historia da película do seguinte xeito: “En 2009 fun a Xenebra presentar curtametraxes galegas, e o meu amigo Aguinaldo Fructuoso fíxome unha visita turística pola cidade. Ensinoume a tumba de Borges, a estatua de Rousseau, o chorro do lago, a Catedral de St. Pierre, etc. E pregúntame: “Que tal a visita?”. E respóndolle: “Está ben, mais eu prefería ir a unha vila preto de aquí, a Rolle”. Rolle é onde vive Godard. Ao día seguinte, pola mañá (o mesmo día do meu avión de regreso), subímonos ao coche, e había unha néboa moi espesa. Chegamos á vila e fomos ver os mercados, a xente, os cafés. Preto do mediodía, desapareceu a néboa e démonos de conta de que nos trabucaramos de vila; estabamos en Morge (a seguinte vila á beira do lago Lemán). O meu avión saía en pouco tempo e tivemos que regresar. Esta película trata sobre o interese de ver e non poder ver o que ti quieres ver”. (Xurxo Chirro)
SINAIS EN CURTO
Nesta sesión mostrarase unha selección de pezas centrada na idea do arquivo, entre elas: O proceso de Artaud, de Ramiro Ledo, recupera a secuencia do xuicio de La pasión de Juana de Arco (Carl Theodor Dreyer, 1927), para realizar unha interpretación da expulsión de Antolin Artaud do grupo surrealista polas mesmas datas. O feito de que o propio Artaud participase como actor na película de Dreyer tingue o filme de notas biográficas, que Ledo desenterra destas imaxes.
Tamén se poderá ver o proxecto Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo, un traballo de recuperación da obra do gran cineasta galego Carlos Velo; levado a cabo a tres bandas entre Margarita Ledo, Ramiro Ledo e Pablo Cayuela. O estudo recolle imaxes recuperadas do cineasta en 2011, e traza un percorrido pola súa obra, analizando o impacto que esta tivo para o cinema en Galicia.