“Somos gente honrada” foi o título que dominou a duodécima edición dos premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. Seis galardóns converteron a película de Vaca Films e El Terrat dirixida por Alejandro Marzoa na máis premiada da gala presentada por Roberto Vilar e na que o público tivo un especial protagonismo a través da familia Rey Abal que, desde a distancia, participaron na cerimonia e opinaron sobre a mesma.
Con tres premios, foron recoñecidas dúas películas para televisión, “Encallados” e “Salgadura”. A primeira delas obtivo os premios de Mellor película para televisión, Montaxe e Dirección de fotografía. A segunda conseguiu os premios de Vestiario, Son e Dirección de arte”.
O argumento fundamental desta gala da duodécima edición dos Mestre Mateo foi o público. O xeito en que ese argumento se concretou foi a presenza da familia Rey Abal que foron comentando algunhas incidencias da noite. A familia foi rigorosa ata o punto de que nos comezos da gala sinalou que “hai moitos fallos”. A familia Abal entregou, ademais, o premio ao Mellor comunicador.
O discurso do presidente da Academia Galega do Audiovisual que aínda que o momento podía pedir falar da crise e das “dificultades do sector ou do que tardan as actrices e actores en volver traballar”, Antonio Mourelos apuntou a necesidade de “falar do talento do audiovisual que trunfa polo mundo”. Seguindo o fío argumental da gala, o público, o presidente asegurou que “vostedes dan verdadeiro sentido ao que facemos, por iso estamos obrigados a seguir contando historias”. Para Antonio Mourelos “mentres vostedes sigan confiando en nós non faltarán creadores en Galicia para afirmar que temos moitas cousas que contar”.
Isabel Risco, gañadora por Era visto!, puxo en pé ao auditorio do Palexco coruñés recordando nun discurso encendido que a cultura galega “non lle restaba ao mundo, senón que lle suma a hostia”. A intervención da actriz premiada acabou por ser trending topic español en Twitter defendendo o traballo das actrices e dos actores galegos. “Máis cinefilia e menos photocall” pediu Alfonso Zarauza, tras recoller o premio á mellor película para televisión por Encallados. Miguel de Lira pediu tamén que se evitar que o sector audiovisual se “estrague”. O actor, gañador por “Somos gente honrada”, explicou que poden “recortarnos de todo menos o talento”.
A entrega do premio de honra a Manolo González foi outro momento emotivos da gala. Para entregar o premio subiron ao escenario unha vintena dos que foron alumnos seus desde os primeiros tempos da Escola de Imaxe e Son. González sinalou na súa intervención que non había que construír e derrubar todas as veces a casa do audiovisual e pediu que se mirara para a “cantidade de directores de talento que lle falan de tu a tu ao resto do mundo”. O homenaxeado definiuse como “unha peza máis da engrenaxe en facer cine”. González reclamou atención para quen “fai o cine co corazón e non por cousas materiais” e finalizou advertindo que “tiña corda para rato”.
O desaparecido actor Xosé Manuel Olveira “Pico” foi protagonista da gala grazas á homenaxe que lle rendeu a Academia Galega do Audiovisual nos Mestre Mateo recuperando algunhas das imaxes máis populares da extensísima carreira do actor. A homenaxe recuperou a “Pico” na súa dobre condición de actor e cantante. Xunto coa imaxe do actor cantando saíron ao escenario unha representación dos intérpretes que traballaron co finado actor. Os actores completaron a interpretación de A andoriña. Ademais da lembranza de “Pico”, os Mestre Mateo homenaxearon tamén ás tres películas galegas estreadas hai agora 25 anos, Sempre Xonxa, Urxa e Continental.
Táboa con todos os premiados
Somos xente honrada
Longametraxe, para Vaca Films e El Terrat
Dirección, para Alejandro Marzoa
Guión, para Miguel Ángel Blanca e Alejandro Marzoa
Interpretación masculina protagonista, para Miguel de Lira
Interpretación masculina de reparto, para Ricardo de Barreiro
Maquillaxe e perruquería, para Susana Veira e Erea Pérez
Encallados
Película para TV, para ZircoZine
Dirección de fotografía, para Alberto Díaz “Bertitxi”
Montaxe, para Adrián Pino
Salgadura
Vestiario,para María Gil e Sonia Segura
Son, para David Machado, Dani Zacarías e Enric Triviño
Dirección de arte, para Marta Villar
Era Visto!
Serie TV,para Producións Zopilote para TVG
Interpretación feminina de reparto, para Isabel Risco
Todos os Santos
Interpretación feminina protagonista, para Isabel Blanco
Dirección de produción, para María Liaño, que renunciou ao premio
Costa da Morte. Mellor Documental, para Zeitun Films
Luar. Comunicador de TV, para José Ramón Gayoso Bonigno
ZigZag Diario. Programa TV, de TVG
Entre pipas. Serie Web, de Cassinello Arias Rizzi
3-1=0. Curtametraxe de imaxe real, de Olga Osorio e Juan Galiñanes en coprodución con Píxel Films
Aqua, de Algarabía Animación. Curtometraxe de animación
Estrella Galicia Feliz 2013, de Algarabía Animación. Anuncio publicitario
Canto de Sirena, de Piti Sanz, Mellor Videoclip
Inevitable. Música orixinal, para Berrogüeto
Galegos no mundo. Realización, para Mónica Ares, Toño López e Isabel Caamaño